CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O cambio de nome do CEIP Condesa de Fenosa do Barco, en estudo

Exterior do CEIP Condesa Fenosa do Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Entre os asuntos abordados no pleno ordinario que a Corporación municipal do Barco celebraba na tarde deste xoves estaba a iniciativa plantexada polo Consello Escolar do CEIP Condesa de Fenosa do Barco de cambiar o seu nome actual para pasar a chamarse CEIP Francisco Pérez Lemos, en homenaxe ao que fora o seu director durante máis de vinte anos e que falecía recentemente.

Esta cuestión quedara sobre a mesa no pleno de abril co fin de valorar se había algún impedimento legal para facelo. Sobre ela pregunta este 5 de maio o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez. O alcalde, Alfredo García, respondía que xa “mantiven conversas co interventor e co presidente da Fundación Condesa de Fenosa, que están investigando sobre o acordo que houbo no seu momento entre esta entidade e o Concello e se sobre a decisión de poñerlle ao colexio o nome de Condesa de Fenosa hai algunha obriga posterior por parte do Concello”.

Alfredo García tamén aseguraba que, ademais disto, existe no Concello un acordo tomado en xunta de portavoces de agardar polo menos dez anos tras o falecemento dunha persoa para darlle o seu nome a unha rúa ou a outro tipo de infraestrutura do municipio. “Polo tanto, hai moitas circunstancias contraditorias neste tema e temos que tomar unha decisión. Ademais esta é unha decisión que nos vén dende fóra, que se tomou no colexio pero en ningún momento se falou co Concello. Tomaremos unha decisión na Comisión de Cultura e logo isto traerase de novo ao pleno”.

 

Artigos relacionados

Back to top button