EconomíaEconomíaÚltima hora

“O Camiño de Futuro” recala en Allariz e amosa o mapa de apoios ás pemes do sur da provincia

O secretario xeral da CEO pechou o acto lembrando a necesidade de colaborar entre todas as entidades para estar a carón das empresas nun contexto complicado

Publicidade

 

O Hotel OCA Vila de Allariz acolleu esta mañá a presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia para pemes, emprendedores e autónomos do sur da provincia. Ao acto asistiron entidades e representantes da administración para ofrecer unha explicación pormenorizada deste mapa de apoios, e participou un nutrido grupo de representantes de empresas ourensás interesadas nestas axudas que se presentaron. Na apertura estiveron presentes o tenente alcalde da vila, Bernardo Varela e a directora de Gain, Axencia Galega da Innovación, Patricia Argerey, e pechou Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense.

Bernardo Varela, en nome do Concello de Allariz, agradeceu a celebración na vila deste encontro que sirve de aproximación aos emprendedores dun territorio como Allariz que fixo marco para desenvolver actuacións de emprendedores que foron capaces de botar adiante as súas liñas de negocio para as que a Axencia de Innovación pon o apoio. Salientou Varela que ‘cando un emprendedor decide tomar este risco é fundamental que todas as administracións poñamos toda a carne no asador para que podan levar adiante o seu proxecto vital’, e ofreceu a colaboración do concello para celebrar máis iniciativas deste tipo pola importancia que teñen.

Pola súa banca, Patricia Argerey, directora de Gain, destacou que o obxectivo destes encontros, que se inscriben no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, é animar á pemes a iniciar o camiño da innovación, para ser máis competitivas e medrar, así como para facer fronte aos retos globais actuais, que dificilmente se poden abordar sen innovación. Ademais, apuntou que o papel da Administración é o de acompañar ás pemes nesta senda, porque as pemes constitúen unha prioridade para a Xunta de Galicia como motor da economía galega.

Allariz é a segunda parada na provincia, tras O Barco, do Camiño de Futuro, unha iniciativa que percorrerá catorce puntos da xeografía galega ao longo dos meses de marzo e abril, e que en Ourense pechará o seu percorrido o luns 21 de marzo en Beade, para facer partícipes deste mapa de apoios ás empresas e emprendedores das contornas do Ribeiro, Carballiño e limítrofes.

A parada de hoxe congregou a máis de medio centenar de membros do tecido empresarial e de entidades asociativas como a de Verín, Aever, e a de Celanova Chea. Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade ao Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia – Arnoia explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

 

O secretario xeral da CEO na clausura do acto.

 

No final do acto, o peche correu a cargo da Confederación Empresarial de Ourense, na figura do seu secretario xeral, Jaime Pereira, quen salientou que agora é o momento, máis ca nunca, de estar a carón das empresas desde todas as entidades, organismos e administracións, traballando de xeito coordinado e colaborando para facilitar as condicións idóneas para que as empresas podan seguir desenvolvendo a súa actividade a pesar do momento complicado que atravesa a economía. Pereira lembrou tamén que desde a CEO esta tarefa lévase a cabo a través do proxecto Conecta Ourense, unha ‘iniciativa co obxectivo de detectar o potencial das empresas ourensás e converter a provincia nun polo máis dinámico en innovación e dixitalización empresarial, cara a un modelo de economía máis moderna e sustentable, e iso conséguese coa coordinación e o traballo necesarios para que estas axudas cheguen a todas e cada unha das empresas que as necesitan’.

Apoios para 2022 e experiencias de éxito de empresas

A presentación dos apoios correu a cargo dos representantes dos organismos da Xunta presentes, e a súa utilidade foi contrastada posteriormente coa exposición de casos de pemes que acadaron os obxectivos de innovación e mellora nos seus proxectos empresariais como Gallega de Patatas, Lincbiotech e MRF Solutions, exemplos ourensáns de innovación, competitividade e dixitalización en sectores tan distintos coma o agroalimentario, a biotecnoloxía e o deseño e enxeñería industrial, respectivamente.

O Igape fixo introdución das axudas ao emprendemento no ámbito rural, a través de Galicia Emprende. Para fomentar a competitividade teñen abertas varias liñas como a de dixitalización da industria 4.0, e obradoiros de dixitalización, e o programa Reacciona para pemes e autónomos con máis de 3 efectivos. Ademais abren unha nova liña para proxectos que desenvolvan a economía circular. Por outra banda, a través de financiamento presentaron a liña Galicia Inviste e os convenios coas sociedades de garantía recíproca, préstamos directos do Igape e a liña IFI Innova, son investimentos mobilizados para autónomos e pemes no sector industrial. E para fomentar a internacionalización, ábrese novamente a liña Galicia Exporta DixitalGalicia para empresas exportadoras, para proxectos individuais ou colectivos.

A Axencia Galega de Innovación, Gain, presentou tamén novas liñas de axudas como Programa Investigo e Talento Senior, para contratar investigadores e tecnólogos ata 30 anos para a realización de actividades de I+D+i, por empresas e organismos de investigación con centro de traballo en Galicia, no primeiro caso; e axudas axudas para a contratación de persoal de alta cualificación, por un período mínimo de tres anos, con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i en Galicia, na segunda tipoloxía. Para iniciativas de emprendemento innovador Gain pon a disposición o apoio a proxectos excelentes Neotec, e o conxunto de incubadoras e aceleradoras Business Factories; no ámbito da innovación empresarial presentou as liñas Innova Peme, Bonos de innovación, Deseña Peme e Re-acciona Innovación, que van desde a mellora da capacidade innovadora de microempresas e pemes, ata a contratación de servizos externos que faciliten actividades de innovación, a incorporación do deseño no desenvolvemento de produtos e servizos, e servizos avanzados a empresas para a mellora da súa competitividade a través da innovación no caso de Re-acciona Innovación.

A representante do GDR Limia – Arnoia explicou as axudas de Agader para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para accións silvícolas, creación de empresas para persoas agricultoras mozas, a mellora da sustentabilidade, competitividade e resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, medioambiental e social; o fomento de actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, para actividades non agrícolas en zonas rurais, e para a implantación de proxectos piloto para o desenvolvemento de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

Ademais, tamén se presentaron as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal mediante as liñas específicas para este sector, como as Xera-Tecno, as de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.

Artigos relacionados

Back to top button