ConcellosEn portadaÚltima hora

O Camiño de Inverno, entre as rutas principais do Camiño de Santiago

O Parlamento aproba a Lei do patrimonio cultural de Galicia que dá recoñecemento á ruta que entra en Ourense por Valdeorras
Dous peregrinos atravesando O Barco de Valdeorras na mañá do 26 de abril. /Foto Carlos G. Hervella.
Dous peregrinos atravesando O Barco de Valdeorras na mañá do 26 de abril. /Foto Carlos G. Hervella.

O Camiño de Inverno que entra en Galicia por Valdeorras vén de dar un gran paso no seu percorrido cara a oficialización como Camiño de Santiago, con todo o que iso conleva.

Na sesión da maña do 26 de abril, o Parlamento de Galicia aprobaba a Lei do patrimonio cultural de Galicia, na que se recoñecen como rutas principais dos Camiños de Santiago, o Camiño Francés; o Camiño do Norte, a Ruta da Costa; a Ruta do Interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo; o Camiño Inglés; o Camiño de Fisterra e Muxía; o Camiño Portugués; a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe; e o Camiño de Inverno.

Membros das asociacións do Camiño de Santiago por Valdeorras e pola Ribeira Sacra co conselleiro de Cultura e a directora xeral de Patrimonio, en Santiago.
Membros das asociacións do Camiño de Santiago por Valdeorras e pola Ribeira Sacra co conselleiro de Cultura e a directora xeral de Patrimonio, en Santiago.

O artigo 73 da lei puntualiza que “poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convintemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influenza na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren”, abrindo a posibilidad de declarar BIC unha ruta se o solicitan a maioría dos concellos polos que transcorre.

Coa aprobación desta lei “demos un paso de xigante xa que o Camiño de Inverno, que é un ben cultural de todos, non só dos galegos senón de toda a humanidade, será incluído nos mapas oficiais de peregrinación a Santiago”, explica a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias. Ela mesma, en nome da asociación valdeorresa agradece o labor “dos políticos, tanto do PP como da oposición, así como aos socios que levan loitado tanto polo recoñecemento do Camiño”.

Membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, no Parlamento de Galicia.
Membros da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, no Parlamento de Galicia.

A ese respecto, Asunción Arias adiantou que o o vindeiro 7 de maio no adro da Igrexa de Fontei (A Rúa) colocarán fito en homenaxe a Ramón García, presidente honorífico da asociación (fundador e alma mater do colectivo), polo seu labor a prol do Camiño de Inverno.

Ao pleno do Parlamento asistiron membros das Asociacións do Camiño de Santiago por Valdeorras e pola Ribeira Sacra.

Artigos relacionados

Back to top button