ConcellosÚltima hora

O Camiño de Inverno, nun reto solidario en bicicleta a favor de Cáritas

Juan Prieto "Pichi" fará os 7 camiños galegos a Santiago de Compostela dende o Grove (Pontevedra)

 

Juan Prieto Cacabelos, coñecido como “Pichi”, é un afeccionado ao cicloturismo natural do Grove (Pontevedra) que se enganchou á bicicleta no ano 2015 da man de tres amigos. Ese mesmo ano un deles convidouno a facer o Camiño Francés e dende entón xa non parou. “Fixen todos os camiños xacobeos principais, o Francés, a Vía da Prata en solitario dende Sevilla, o Portugués con tres amigos, o do Norte dende Suíza… Tamén fixen rutas como a Carretera Austral en Chile de case 1.400 km ou a Volta a Península Ibérica con 4.000 km. Gústame a bicicleta e como teño tempo libre pedaleo”, explica Juan, asegurando que cada ano se marca un reto persoal e o deste 2021 será sen dúbida o máis especial porque é solidario.

 

Juan Prieto no paseo do Malecón, no Barco de Valdeorras.

 

“Este ano o proxecto que tiña en mente polo Ano Santo era facer Roma-Santiago de Compostela pero co tema da pandemia e ao non poder saír ocorreuseme facar algo diferente, a través da páxina de crowdfunding “Mi grano de arena” que se encargan da recadación”. Así nace “Os 7 Camiños, pedaladas solidarias”, un reto que consiste en facer os sete camiños galegos que chegan a Santiago de Compostela en bicicleta. “Nestes momentos tan difíciles que estamos pasando por causa do Covid-19, quero facer o meu primer reto solidario en favor de Caritas Parroquial de O Grove e a través deles, axudar a todas esas familias que o están pasando mal”, explica Juan.

En total serán uns 1.600 aproximadamente, os quilómetros que fará para completar o reto, que comezaba o 8 de abril en Tui facendo o Camiño Portugués ata Santiago. Despois facía o Camiño Sanabrés dende A Gudiña que terminaba este luns 12 de abril. Dende Santiago collía un autobús ata Ponferrada e hoxe, martes 13 de abril, comezaba o de Inverno que entra en Galicia por Valdeorras. “Farei noite no albergue de Xagoaza no Barco e continuarei ata Santiago, ao rematar farei o Francés dende Villafranca, o Primitivo e o do Norte para rematar co Inglés dende Ferrol, o último”.

 

Vieira que “Pichi” leva colgada durante o percorrido polo Camiño de Inverno.

 

Juan calculou 21 días para completar os sete camiños pero hoxe, na súa chegada ao Barco de Valdeorras recoñecía que pode que lle leve algo máis. “O Camiño de Inverno é moi duro, é un rompepernas tremendo, e tiña calculado catro días pero igual me leva cinco. Hoxe estaba o terreo blando pola chuvia e custoume chegar pero son cousas do camiño e hai que ir pouco a pouco”, explicaba intres antes de coller rumbo ao albergue onde pasará a noite, recoñecendo que a ruta “é espectacular, incrible, xa non só polas paisaxes senon pola xente, atópaste con detalles moi fermosos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button