En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Camiño de Inverno será incluído nos folletos do Xacobeo

A directora de Turismo de Galicia visitou un tramo da ruta ao seu paso pola Rúa

A mouteira de lousa situada na confluencia entre a rúa do Rasedo e a N-120, unha das 25 que a Xunta colocou en Valdeorras (entre os Concellos da Rúa e Vilamartín), foi o punto no que a directora xeral de Turismo, Nava Castro, se reunía coa corporación municipal da Rúa e as presidentas das Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras e pola Ribeira Sacra, Asunción Arias e Aida Menéndez.

A visita da responsable galega de Turismo visitaba así un tramo do Camiño de Inverno, na mañá do 12 de abril, uns meses despois de ser recoñecido oficialmente como ruta xacobea. “Despois de todo o traballo que fixo a asociación en colaboración cos concellos xa acometimos parte da sinalización, tal como quedaramos, na zona de Valdeorras con mouteiras de lousa e no resto de granito”, explicou na Rúa Nava Castro, adiantando que teñen pendente a colocación de 140 mouteiras de granito no resto do camiño así como corrixir algúns fallos de orientación nas de Valdeorras. “En menos dun mes penso que finalizaremos os 200 quilómetros do Camiño de Inverno e a partir de agora toca estar pendentes do que se nos demande por parte dos peregrinos e dos concellos. Poñernos mans á obra para seguir promocionando o Camiño, para o cal xa estamos tamén con esos folletos que temos no Xacobeo xunto co pasaporte para opter a compostela”.

Castro tamén adiantou que están traballando coas Deputacións para que fagan a Mesa do Camiño, “onde todos os alcaldes serían conscientes de todo o que conleva, xa que non é exclusivamente sinalizar e manter o camiño, senón tamén os servizos que hai que prestar ao peregrino, estar pendentes con calquera tipo de incidencia, a seguridade no camiño, etc. E se teñen unha asociación, moito mellor para trasladar esas inquedanzas e demandas ou propostas para mellorar canto máis, mellor, este camiño que é un referente a nivel mundial”, dixo en referencia á iniciativa de varios concellos de crear un asociación para fomentar e traballar por esta ruta.

Para a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, o esforzo que se leva realizando moitos anos, está dando os seus froitos e “estase vendo as sensibilidade tanto das consellerías como das alcaldías”, dixo, asegurando que o obxectivo das asociacións sempre vai estar enfocado aos peregrinos. “Sen eles non hai Camiño e sempre imos estar aí facendo ver o que ás veces non é visible, porque nós estamos permanentemente no camiño e a nosa función é precisamente facer de ponte entre ese peregrino e os que administran”. Asunción Arias tamén dixo que malia ter conseguido o obxectivo, non deixarán de cumprir a función social deste “patrimonio inmaterial da humanidade como é o Camiño de Santiago que non guste ou non nos guste, é espiritual”.

Unha das demandas que dende a asociación seguen facendo son as infraestruturas. “A este camiño fáltanlle albergues” dixo Asunción, algo no que concorda a alcaldesa da Rúa, María G. Albert aínda que asegurou que “non só as Administracións temos que envorcarnos nisto, senón que entendemos que a iniciativa privada é quen se ten que beneficiar a apostar de verdade polo Camiño de Inverno, e niso estamos”. De feito na Rúa está rematada a obra do albergue que falta dotar e xestionar “en breve”, asegurou María incidindo en que este camiño xa está tendo valor porque está chegando moita xente. “Sobre todo nos últimos meses estamos notando un aumento de peregrinos e claramente fáltanos infraestrutura para atendelos. Temos que traballar moito de aquí en adiante”, dixo,  lembrando que o recoñecemento oficial do Camiño de Inverno foi un punto de chegada pero tamén de partida. “Agora vén a parte máis importante, unha oportunidade de desenvolvemento económico e cultural que non temos que perder”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button