O campamento de Penedo dos Lobos (Manzaneda) permite documentar a presenza militar romana máis antiga de Galicia

O equipo de Romanarmy.eu atopaba na súa intervención arqueolóxica dúas moedas romanas coas que pode datarse por primeira vez en Galicia un recinto deste tipo na etapa da conquista

Despois de catro días de intervención arqueolóxica no campamento militar romano de Penedo dos Lobos, o equipo de investigadores de Romanarmy.eu desveláballes en primicia aos veciños de Manzaneda na tarde do 25 de agosto os principais achádegos da campaña. Uns achádegos que os sorprendían e que, segundo destacaban, “van cambiar a maneira na que se coñecía ata agora a conquista romana destes territorios”. Tratábase, principalmente, de dúas moedas romanas, numerosas chatolas de sandalia desa época e a punta dunha arma.

A primeira referencia deste lugar aportáballa a Romanarmy.eu no 2016 o valdeorrés Rubén Lorenzo. Tras procesar a información remitida e visitar o lugar, os investigadores relacionárono cun campamento militar romano temporal da época da conquista (á diferenza dos permanentes como Aquis Querquennis en Bande, dunha etapa posterior), pero ata agora non tiñan elementos científicos para probalo. E ese era precisamente o obxectivo desta intervención arqueolóxica.

Ao chegar o 20 de agosto ata este asentamento, en boa medida limpo de vexetación grazas ao Concello, os arqueólogos xa tiñan moi claro pola clara morfoloxía do recinto, coas súas catro entradas (tres delas en clavícula) moi visibles, o seu carácter romano e ademais quedaban asombrados polo seu grao de conservación. “É un dos mellor conservados do noroeste e incluso poderiamos dicir que doutros lugares de Europa”, resaltaba o director da intervención, João Fonte.

Do 20 ao 24 de agosto un equipo especializado documentaba con detalle a estrutura defensiva, é dicir, os tramos de muralla e as entradas, e prospectaban o interior na procura de elementos materiais relacionados coa súa ocupación romana. Non atopaban cerámica, “algo que é normal neste tipo de asentamentos temporais”, pero si diverso material de momentos máis recentes e, ademais outro de época romana moi valioso para a súa investigación e que os sorprendía: as chatolas de sandalias militares romanas, a punta dunha arma e dúas moedas.

Precisamente estas dúas moedas constitúen as pezas claves para a investigación, “son a xoia da coroa” xa que lles permiten datar por primeira vez un campamento romano deste tipo en Galicia. “As dúas moedas remítennos a un mesmo abano temporal entre o 25 e o 22 a.d.C. Isto é compatible coas guerras cántabro-astures, pero non sabemos se este lugar está directamente relacionado con esas guerras ou se este pequeno destacamento militar cun máximo de mil soldados puido ser destinado aquí por outro motivo como é explorar o territorio antes, durante ou despois das guerras”, comentaba Fonte, acompañado polo resto dos membros do equipo. En Penedo dos Lobos “abrimos unha porta que non esperamos abrir, e este é un momento moi excitante para nós porque neste lugar cambiaron moitas cousas”, aseguraba o tamén arqueólogo José Manuel Costa.

“Este material permítenos documentar a presenza militar romana máis antiga de Galicia”, resaltaba ante os veciños outro dos integrantes de Roman.army, Manuel Gago. Un material que despois da presentación, realizada no salón de actos do Concello de Manzaneda, os asistentes podían ver de preto.

O equipo de Romanarmy.eu agradecía o apoio do Concello de Manzaneda (cuxo alcalde, Félix Domínguez estaba presente na charla) para poder levar a cabo esta actuación arqueolóxica e aludía ao potencial, científico, patrimonial e turístico deste asentamento para este municipio, así como a súa vontade de continuar investigando este prometedor xacemento.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/penedo-dos-lobos-manzaneda-puido-ser-construido-na-epoca-das-guerras-cantabro-astures/

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies