OurenseÚltima hora

O campamento romano e a mansión viaria de Aquis Querquennis (Bande), declarados BIC

Ambos están vinculados co paso da Via Nova ou Via XVIII do itinerario Antonino
Campamento romano de Aquis Querquennis en Bande./ Foto: Carlos G. Hervella.

Na reunión celebrada na mañá do 6 de setembro o Consello da Xunta vén de dar luz verde á declaración como ben de interese cultural (BIC) coa categoría de zona arqueolóxica ao campamento militar romano e a mansión de Aquis Querquennis, situados en Porto Quintela (Bande).

Tanto o campamento como a mansión (parada oficial nunha calzada romana) están vinculados co paso da Via Nova ou Via XVIII do Itinerario Antonino, que comunicaban as cidades romanas de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). Os estudos realizados neste lugar indican que tivo unha ocupación que non iría alén do primeiro terzo do século II d.C., como lugar de asentamento permanente dunha unidade militar e base de operacións para a construción da devantida vía imperial.

A información obtida a partir das diferentes campañas arqueolóxicas realizadas, e dirixidas inicialmente por Antonio Rodríguez Colmenero e últimamente polo valdeorrés Santiago Ferrer Siera, determina a importancia do campamento por ser “dentro dos existentes en toda a península ibérica, o máis estensamente escavado, investigado, monumentalizado e posto en valor entre os do seu xénero. Ademais é un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela en Sobrado dos Monxes”, tal e como se destaca dende a Xunta.

O decreto de declaración como BIC deste xacemento considera que Aquis Querquennis atesoura un gran valor científico por contar aínda cunha ampla superficie sen explorar, polo que é un sitio arqueolóxico básico para a investigación do proceso de romanización no noroeste peninsular.

Este campamento presenta unha estrutura arquetípica propia dun asentamento militar organizado a partir dun esquema ortogonal arredor de dous eixes viarios principais, perpendiculares entre si, o cardo (con orientación norte-sur) e o decumano (orientación leste-oeste). Os restos escavados ata o de agora corresponden ao principia ou cuartel xeral, dous horrea para almacenaxe de alimentos, o valetudinarium ou hospital, tres barracóns para a tropa, vías e canles de drenaxe e unha parte significativa das estruturas delimitadoras e defensivas, treito de muralla con varias, torres, as portas principal esquerda e a do lado oeste, e un pequeno sector do foxo exterior que rodeaba a muralla, co intervallum ou vía perimetral pegada ao interior dela.

Artigos relacionados

Back to top button