CulturaEducaciónÚltima hora

O campión de España de videoxogos “Hastor” visitará o CEIP Ribas de Sil

Manuel Otero será entrevistado polos alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria
O campión de España de videoxogos e modding, Manuel "Hastor" Otero.
O campión de España de videoxogos e modding, Manuel “Hastor” Otero.

Mañá, venres 1 de abril ás 15 horas, o estudante de informática e campión de España de videoxogos e modding, Manuel Otero Cociña “Hastor”, manterá unha charla-coloquio na biblioteca do CEIP Ribas de Sil cos alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria. Durante a actividade, o xove natural de Mondoñedo trasladará a súa experiencia no ámbito das novas tecnoloxías e as oportunidades profesionais que ofrece este sector, facendo fincapé “na necesidade do esforzo e a responsabilidade en calquera ámbito formativo ou laboral para acadar o éxito”, puntualiza o mestre do centro educativo, Fran Bouso.

Esta iniciativa está enmarcada dentro da programación didáctica da materia de Lingua do centro. “Tratábamos as características do xénero da entrevista e o alumnado decantouse pola súa posta en práctica ante unha persoa vinculada coa informática”, explica Bouso. Manuel Otero será pois entrevistado polos alumnos e tamén traerá algúns dos aparellos cos que traballa para que todo o alumnado poda contemplalos.

“Hastor” adícase aos videoxogos e á informática, en especial ao mundo dos esports e do hardware de alto rendemento, e posúe multitude de títulos nacionais e internacionais tanto na modalidade de modding (modificación de ordenadores), como en competicións profesionais de videoxogos, entre eles o de campión español da Liga de Videoxogos Profesional.

Artigos relacionados

Back to top button