DeportesÚltima hora

O campionato galego de orientación pedestre espera xuntar a uns 300 deportistas en Parada de Sil

A proba celebrarase o 25 de marzo no entorno do Canón do Sil, en plena Ribeira Sacra ourensá
O presidente do Club Peña Trevinca Barco, Pablo Aller; o voceiro da FEGADO-OU, Xan Trigo; e a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome.

 

O vindeiro sábado 25 de marzo pola mañá, celebrarase no concello de Parada de Sil un campionato galego de o-pé (orientación pedestre) en toda sas categorías.

Dez anos despois da primeira carreira federada de orientación na provincia de Ourense, o lugar elixido polo club organizador da proba, o Peña Trevinca Barco, é o emblemático Canón do Sil, en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá, onde se espera reunir en torno aos 300 orientadores federados, na procura do título autonómico de Distancia Media. “Estimase que o gañador da categoría elite entrará na meta, situado no campo de fútbol de Os Torgás, nun tempo duns 35 minutos, despois de localizar uns 30 controis coa única axuda dun mapa (que se entrega no momento da saída) e un compás”, explicaron dende a organización na presentación da proba, que tiña lugar na mañá do 11 de marzo no Concello de Parada de Sil contando coa asistencia da alcaldesa, Yolanda Jácome; do voceiro da FEGADO-OU, Xan Trigo; e do presidente do Club Peña Trevinca Barco, Pablo Aller.

Bosques mixtos de piñeiros e carballos, así como soutos con castiñeiros centenarios, forman parte da paisaxe que acompañará esta especie de “búsqueda do tesouro”, na que tamén poden participar persoas non federadas de calquera idade, inscribíndose nas correspondentes categorías de iniciación. O prazo para apuntarse rematará ás 22:00h. do martes 21 de marzo e o día da proba tamén haberá un técnico dando nocións básicas a quen o desexe.

“Estamos ante unha modalidade deportiva en simbiose coa natureza e que gaña adeptos cada día, formando xa parte do programa oficial das próximas Olimpiadas”, explican dende a FEGADO-OU. Para máis información sobre esta proba consultar o apartado de eventos de www.fegado.es.

Artigos relacionados

Back to top button