Ourense

O campo de fútbol de Vilar de Astrés incorpora céspede artificial, novos vestiarios e bancada

Campo de fútbol de Vilar de Astrés.

 

O campo de fútbol de Vilar de Astrés, en Ourense, loce nova imaxe tralas obras de remodelación executadas polo Consello Municipal de Deportes. O alcalde e presidente do CMD, Gonzalo Pérez Jácome inaugurou esta maña o equipamento municipal, que foi dotado de céspede artificial, e no que tamén se acondicionaron novos vestiarios e bancada. As obras foron executadas pola empresa Extraco, Construcións e Proxectos S.A. por un importe de 455.463,36€, cunha garantía do equipamento de catro anos. Xunto a este importe efectuaronse melloras a maiores por valor duns 75.000€.

O novo campo é “unha grande instalación para Vilar de Astrés pero tamén para toda a cidade de Ourense e os seus equipos de fútbol”, asegurou o alcalde, quen avanzou que, aínda que o campo xa está a ser utilizado para os adestramentos da Unión Deportiva Ourense, estudia organizar un partido inaugural, que serva de “pistoletazo de saída” do novo campo. Sería _dixo_ “un pequeno desafío”, no que se enfrontarían, na modalidade de fútbol 7, un equipo de fútbol 11 e un equipo de fútbol sala da cidade.

Xunto a este terreo de xogo de última xeración e a humanización de toda a parcela, efectuouse unha grada cuberta nunha das bandas de catro andares e remodelouse o vello edificio de vestiarios, que permite o uso cotián e de competición destes espazos.

 

Visitando as instalacións renovadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button