CulturaCulturaÚltima hora

O campo de voluntariado de Monterrei centrarase na posta en valor do castelo e na arqueoloxía

Inclúe un completo programa de actividades con rutas, visitas de interese e xogos de convivencia

Imaxe do conxunto do Castelo de Monterrei./ Foto: A.R.

 

O campo de voluntariado “Castelo de Monterrei”, enmarcado na Campaña de Verán da Xunta de Galicia, presentábase esta mañá, nun acto que contaba coa asistencia da directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Esta iniciativa, que se centra na arqueoloxía e procura por en valor a contorna deste monumento emblemático, inclúe un programa de actividades completo con rutas, visitas de interese ou xogos de convivencia.

O campo de voluntariado que acollerá o concello de Monterrei é un dos 13 novos campos que se suman este ano como novidade á Campaña de Verán, que a través do total de actividades programadas ofrece máis de 7800 prazas. Todos os campos de voluntariado contarán con 12 participantes para favorecer que se cumpran as medidas de prevención fronte á Covid-19.

Os participantes nesta actividade formarán parte dun equipo de profesionais da arqueoloxía que levan tempo na procura dos restos máis antigos do Castelo dos Condes de Monterrei, do século XII. Con eles poderán adentrarse na metodoloxía arqueolóxica e coñecer as técnicas auxiliares empregadas para recuperar toda a información dun monumento.

Ademais, poderán desfrutar de actividades complementarias como rutas termais, en bicicleta ou polo sendeiro ao Pozo do Demo, e visitas a unha bodega da Denominación de Orixe de Monterrei e ao parque Natural do Invernadeiro.

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado destacou durante o acto que os campos de voluntariado axudan a promover a educación en valores, asentar a cultura solidaria, fomentar o traballo en equipo e impulsar a preocupación por manter a salvo o medioambiente e infraestruturas de tanto significado como o Castelo de Monterrei.

 

A directora xeral de Voluntariado co alcalde de Monterrei, durante a visita de hoxe a este municipio.

 

Campos de voluntariado

Para os campos de voluntariado que teñan lugar en Galicia o prazo de inscrición estará aberto ata cinco días antes do comezo de cada un. Para os que se celebran noutras comunidades autónomas habilítanse dúas convocatorias: a primeira delas rematou o pasado día 21, mentres a segunda abriuse o 1 de xuño e pechará cinco días antes do inicio do campo.

A solicitude presentarase mediante un formulario en liña e cada persoa solicitante deberá escoller, por orde de prioridade, ata un máximo de cinco campos de voluntariado. As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción.

Artigos relacionados

Back to top button