ColaboraciónsEconomíaEconomíaOpinión

O campo galego necesita doutro Gallástegui

Artigo de Alberto Portela Vázquez, veterinario historiador

 

 

Gallástegui con dúas mazorcas de millo, cereal ao que debe o seu maior prestixio científico, de feito, era coñecido como o "mago das espigas".
Gallástegui con dúas mazorcas de millo, cereal ao que debe o seu maior prestixio científico, de feito, era coñecido como o “mago das espigas”.

 

É curioso ver como certas actividades da nosa vida cotiá evolucionan dunha forma tan vertixinosa. A ninguén escapa que os coches dos anos sesenta non teñen nada que ver cos vehículos actuais, que os medios de comunicación cambian por día, que internet e a telefonía móbil instaláronse na nosa sociedade coma se estiveran aquí sempre entre nós, e levan menos de vinte anos. Sen embargo, outras moitas cousas continúan practicamente igual, como son os problemas que afectan á nosa gandería ou agricultura. A esta afirmación é doado chegar se lemos a obra de Cruz Gallástegui Unamuno, persoeiro ilustre da ciencia, de cuxo nacemento se conmemoraron os 125 anos. Para quen non o coñeza dicir que foi un científico clave na modernización do sector agropecuario galego e está considerado un dos pais da mellora xenética en España.

Xa nos anos trinta dicía Gallástegui que era evidente que existían grandes problemas no campo, pero ¿a que se debían? E máis importante aínda ¿tiveron solución? Lamentablemente a resposta é non, e os males do sector seguen sendo hoxe os mesmos que fai cen anos. Que o agricultor vive mal, é máis que evidente, debido sobre todo ás súas dificultades económicas, ocasionadas fundamentamente pola pouca extensión de terra fértil de que dispón. Estas superficies considéranse na maior parte do mundo totalmente insuficientes para vivir de maneira exclusiva da agricultura, sen outros recursos. De todos é sabido que a intensificación do cultivo é a única saída posible ante o gran escollo do minifundio, principal praga económico-social da Galicia rural. O banco de terras ou a concentración parcelaria debían paliar en parte esta situación e impulsar a economía rural.

 

Jones e Gallástegui, mestre e alumno nos EEUU 1917, realizando unha polinización artificial en millo (Misión Gallástegui).
Jones e Gallástegui, mestre e alumno nos EEUU 1917, realizando unha polinización artificial en millo (Misión Gallástegui).

Gallástegui, fundador e director da Misión Biolóxica durante case catro décadas, define cinco alicerces básicos que deben de existir en todo programa agrario, que ademais debían seguir unha orde predeterminada: Investigación; Divulgación; Cooperación; Crédito agrícola e Política económica. En momentos como o presente en que Galicia parece non espertar do seu atraso e o labrego ansía mellorar económicamente, nada me pareceu mellor que facer un reconto das necesidades agropecuarias.

Materias tan sensibles como a Agricultura ou a Gandería non se aprenden nos libros técnicos, senón que deben de adquirirse a través do estudo e do traballo nos laboratorios propios. O agro en si non é un artigo de importación, hai que desenvolvelo na mesma zona de produción, xa que non é universal, sería formidable se iso fora así, dicía Gallástegui, porque o avance agropecuario sería rapidísimo e igual en tódolos países. Pero desgraciadamente lonxe de ser universal é rexional, comarcal e ata local se me apuran. Por iso, necesítanse técnicos de máxima competencia que dean as mellores solucións para a nosa terra. Pero por desgraza, os novos licenciados vénse obrigados a marchar a outros países para poder exercer as súas carreiras, carreiras que foron pagadas polo diñeiro de todos nós. Dándose o paradoxo de que formamos a xente moi preparada e cando teñen que dar os seus froitos no noso país, vanse, e os beneficios do seu traballo van parar a outros sitios sabedores da necesidade de ter bos investigadores á fronte dos seus centros experimentais. Mentres tanto, aquí carecemos de cabezas pensantes para o desenvolvemento do noso agro. Sen dúbida, deberiamos cambiar esta mentalidade e conseguir manter aos máis capacitados.

Unha vez que a experimentación sexa unha realidade e que o técnico recomende as súas teorías de forma acertada ao labrego, este crerá fielmente nel e a cooperación establecerase de maneira natural. Xa que o labor puramente científico para que sexa útil, necesita chegar fácilmente ao alcance do produtor. As sementes unha vez creadas e melloradas, teñen que ser logo distribuídas para o seu adecuado emprego no campo, sendo necesario que exista un medio de divulgación destes avances tecnolóxicos. Un dos principais logros de Gallástegui foi comprender a importancia da transferencia do coñecemento, mediante a creación dun boletín do “Sindicato de Productores de Semillas” e doutros medios de comunicación, onde incorporaba todas as novas. Para iso, rodeábase de entusiastas xornalistas como Johán Carballeira e contáballe os seus éxitos acontecidos no campo, especialmente no millo e o xornalista trasladábao ao papel. Se collemos hoxe un xornal veremos que isto xa non existe, as solucións aos problemas do campo por desgraza non ocupan páxinas na prensa como noutrora, ¿será que xa non interesan? Penso que a culpa non é da sociedade, nin do xornalismo, senón máis ben do de antes, que carecemos de técnicos preparados e os que temos son incapaces de transmitir os seus logros ao sector produtivo ou á xente da rúa de maneira entendible e práctica.

Cruz Gallástegui nunha toma de datos  xunto aos seus colaboradores e ao xornalista Johan Carballeira. A transferencia do coñecemento foi clave para a modernización do sector agropecuario. (Misión Gallástegui, 2016).
Cruz Gallástegui nunha toma de datos xunto aos seus colaboradores e ao xornalista Johan Carballeira. A transferencia do coñecemento foi clave para a modernización do sector agropecuario. (Misión Gallástegui, 2016).

 

Por outra banda, para poder arrincar o emprendedor debe de dispoñer de diñeiro para desenvolver o seu proxecto empresarial. Pero todo negocio que se inicie debe ser rendible e non basearse soamente en se leva subvencións. O préstamo feito ao labrego, do que sabemos de antemán que perde cartos na súa industria agrícola porque non ten os coñecementos, é un crédito perxudicial que debería ser rexeitado, porque o nomal sería supoñer perdas en lugar de ganancias, e estará a cometer un grave erro fomentando inconscientemente a súa ruína. Se o titular da explotación fose asesorado por un centro de experimentación, que lle recomendara unha variedade máis produtiva que a ordinaria ou ben descubrise procedementos que multipliquen unha determinada produción, o exceso de valor logrado amortizará parcialmente a débeda e ata pode gañar diñeiro, facendo que a súa actividade industrial sexa beneficiosa.

Concurso de control leiteiro realizado na Misión Biolóxica, Pontevedra 1927.
Concurso de control leiteiro realizado na Misión Biolóxica, Pontevedra 1927.

Por todos é sabido que Galicia é o maior produtor de leite de España sendo un dos sectores clave, pero tamén é sabido que padece males endémicos, onde curiosamente os prezos do leite en orixe sitúanse entre os máis baixos do Estado. Agricultura e gandería son os sectores produtivos denominados estratéxicos, non só pola súa contribución superior ao 7% do PIB, senón pola súa capacidade de fixar poboación rural na sangría demográfica tan alarmante que afecta á nosa comunidade. Sen dúbida a debilidade do sector rural está relacionada co escaso desenvolvemento da industria, isto é debido a que a maior parte da produción primaria sae de Galicia sen transformar como a carne ou o leite, así a pesar de criar gando de alta calidade, o valor engadido xérase fóra, logrado nas empresas transformadoras e comercializadoras, é aquí o gran escollo da nosa estrutura produtiva agropecuaria carente dun entramado industrial forte.

O campo galego precisa máis que nunca doutro Gallástegui, un veterinario brillante que puxo todo o seu saber e coñecementos en mans dos labregos, facéndolles chegar todo o progreso e os avances tecnolóxicos. Necesitamos dunha política agropecuaria viable e duradeira, que garanta a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sostible, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos medioambientais, económicos e sociais. Os problemas do sector lácteo, os incendios forestais, o atraso económico do sector primario e o abandono do rural son temas vitais que esixen de medidas urxentes, antes de que sexa demasiado tarde.

 

Portada e contraportada do libro "Misión Gallástegui".
Portada e contraportada do libro “Misión Gallástegui”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button