CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Campus acolle un relatorio sobre os Centros de Recuperación de Especies

O Campus de Ourense acolleu un relatorio hoxe, 5 de maio, sobre os centro de recuperación de fauna autóctona organizado pola Sociedade Galega de Historia Natural. Os relatores foron Laura Iglesias e Antonio Ferreirós, dous voluntarios, contaron as súas experiencias no Centro de Recuperación de Animais Silvestres GREFA (Grupo de Rehabilitación de Fauna Autóctona do seu Hábitat) na Comunidade de Madrid.

Segundo explicaron, en Galicia hai 4 centros deste tipo xestionados pola Xunta de Galicia, pero GREFA é unha sociedade non gobernamental sen ánimo de lucro que traballa a partir das aportacións dos seus socios. “Son un referente a nivel europeo na materia”, asegurou Laura Iglesias, que contou que o primeiro contacto que tiveron ambos os dous cun centro de recuperación foi cando atoparon, en dúas ocasións diferentes, unha ave rapaz ferida na estrada. A partir de aí, puxéronse en contacto con GREFA “que teñen un servizo de apadriñamento”, dixo Antonio Ferreirós, “e apadriñamos un Milano -ave rapaz- e o día do meu aniversario o liberamos cando se recuperou”. Porque o traballo destes centros é o rescate de animais feridos para curarlles e devolvelos ao seu hábitat.

Ambos relatores fixeron referencia ao “departamento de orfos” que teñen en GREFA e no que Laura traballou como voluntaria durante dous meses. Tanto Laura como Antonio comezaron explicando o concepto da impronta, é dicir, “cando os bebés comezan a imitar as actitudes dos adultos e é moi importante porque poden chegar a comportarse coma os seres humanos”, explicou Laura. É por iso que nesa sección de orfos, na que ían os animais perdidos dos seus pais ou que estes morreron, “non podiamos falarlles ás crías, nin tocalas moito tempo ou interactuar con elas, e iso era o máis difícil porque todas eran moi bonitiñas”, dixo Laura. Outra das cousas que recalcaron é que cando un ave é pequena hai que levala directamente ao centro e non quedar con ela “xa que pode pasar esa impronta e imitar aos humanos e logo perden o institnto de caza e non poden ser reintroducidos na natureza”.

Pero non só había aves no centro de recuperación, tamén acollían mamíferos, réptiles… Segundo cifraron, o GREFA recolleu máis de 5.o00 animais dos cales 2.362 foron recuperados. Neste senso, ambos relatores explicaron que é moi difícil atopar un animal ferido “porque tenden a esconderse”, ademais, cando o atopas e se deixa coller polo home “é que está nas últimas e é moi complicado de recoller”.

A importante labor destes centros vai máis aló da recuperación de animais feridos, xa que tamén se encargan de criar especies en perigo de extinción e de facer labores de formación e concienciación.

Artigos relacionados

Back to top button