CulturaEducaciónÚltima hora

O Campus da Auga avanza na convocatoria para ocupar os espazos de investigación nas súas novas instalacións

O novo edificio acollerá tamén os laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
Reunión do Consello do Campus de Ourense.

A Universidade de Vigo celebrou hoxe o último Consello de Campus de Ourense 2016. Nunha sesión ordinaria presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, informouse aos me bros deste órgano, entre outras cuestións, dos últimos avances nos “produtos” do seu proxecto de especialización, o Campus da Auga. Entre eles, Mato anunciou a inminente apertura da convocatoria para que os grupos de investigación interesados poidan solicitar espazos de investigación no edificio do Campus da Auga, cuxa construción está previsto, remate a finais do vindeiro ano. O novo edificio acollerá tamén laboratorios da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo. Ademais, destacou o reitor, o Programa de Doutoramento da Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento acadou a aprobación do Consello Galego de Universidades na súa última reunión polo que so restan cuestións de tramitación para a súa posta en marcha no curso 2017/2018.

O Consello de Campus comezou co informe do reitor no que, entre outros temas, informou sobre o visto bo dado no último Consello Galego de Universidades a dúas cuestións relevantes no que atinxe ao Campus de Ourense. Por unha banda, recalcou, conseguiuse o informe favorable para a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, quedando só pendente polo Consello da xunta para que o centro “teña personalidade propia dentro da Universidade e poidamos empezar a ir compondo os órganos de goberno” e demais cuestións. Tamén neste último Consello Galego de Universidades, destacou Mato, deuse o visto bo ao programa académico. Deste xeito, o reitor subliñou como os proxectos de especialización dos campus da Universidade de Vigo están dando “produtos de verdade”, facendo fincapé en como o Plan Estratéxico do Campus da Auga xa ten acadados en dous anos o 90% dos obxectivos previstos para catro anos. Por este motivo, indicou, realizarase un segundo plan de actuación para o Campus da Auga.

Minuto de silencio por Ana María Enjamio

Ás 12.00 h os membros do Consello de Campus xunto a máis de medio centenar de membros da comunidade universitaria concentráronse entre os edificios Politécnico e de Ferro para gardar un minuto de silencio en repulsa do asasinato de Ana María Enjamio e da violencia de xénero e en apoio da súa familia, tal e como se fixo nos demais campus da Universidade de Vigo. Antes de dar inicio ao minuto de silencio, Salustiano Mato lembrou como Ana María Enjamio era egresada da Universidade de Vigo e amosou a repulsa da institución académica á violencia de xénero e seu apoio á familia de Ana María Enjamio. “Que nunca máis teñamos esta violencia machista tan descarnada e brutal”, pediu o reitor.

Artigos relacionados

Back to top button