CulturaCulturaEducación

O Campus de Ourense acollerá un encontro pedagóxico sobre a educación e o compromiso co territorio

Jesús Fortes, Rosendo Fernández, José María Faílde e Manuel Doval.

O CIFP Portovello e a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense organizan un encontro pedagóxico. Baixo o lema “A educación dende o compromiso co territorio. Achegamento á experiencia de Óbidos” reunirá a estudantes e profesionais do sector os días 30 e 31 de marzo no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe, 28 de marzo, no Pazo Provincial,

acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde; e o xefe do departamento dos servizos Socioculturais e á Comunidade do CIFP Portovello, Jesús Fortes.

Segundo dixo o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, a institución provincial colabora con estas xornadas formativas que toman como punto de partida “o convencemento da importancia que ten a relación da comunidade coa Escola”. Nese mesmo senso, explicou que esta proposta está “inspirada na pedagoxía construtivista e o humanismo da antropoloxía, propondo un marco de traballo baseado na formación permanente e o intercambio de experiencias”.

Jesús Fortes, xefe do departamento dos servizos Socioculturais de á Comunidade do CIFP Portovello, explicou que se trata dunha “experiencia senlleira que se está a vivir preto de aquí, en Portugal, onde se funde o territorio coa experiencia educativa”. Asemade, Fortes, asegurou que o proxecto, en constante evolución, “está comprometido coa terra e coas persoas que alí viven e contribúe a afincar a poboación”.

Pola súa parte, o director de área de planificacióndo Campus de Ourense, José María Faílde, fixo fincapé en que estas xornadas inciden “sobre a importancia da educación e o compromiso dos pobos coa súa cultura e, por tanto, son elementos dinamizadores fundamentais para o seu empoderamento” e, por outra parte, estas xornadas destacan a importancia de “conexionar as institucións educadoras co territorio e co tecido social no que están inmersas como elementos catalizadores da cultura, do desenvolvemento e do benestar”.

Manuel Doval, deputado provincial de Cultura, falou importancia de levar a cabo proxectos desta índole “que teñen en conta as experiencias que se levan a cabo noutros lugares pero que se adaptan á realidade do seu territorio”.

Artigos relacionados

Back to top button