CulturaCulturaEducación

O Campus honra a Casares con teatro e repartindo laranxas entre o alumnado

O vicerreitor, Virxilio Rodríguez, sinalou que o autor representa “a unha persoa implicada co país en diferentes facianas”
Os actos consistiron en representacións teatrais e musicais baseadas en obras de Casares.
O campus de Ourense organizou hoxe, 16 de maio, os actos de do Día das Letras Galegas 2017 cunha programación dedicada ao escritor homenaxeado nesta edición, o ourensán Carlos Casares.

Os membros da comunidade universitaria de diferentes xeracións e colectivos participaron nunha actividade que tivo lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do Campus, e que consistiu nunha actuación musical e outra teatral inspiradas nalgunhas das obras máis populares de Casares, como son “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” e “A galiña azul”.

A actividade desenvolveuse na sala principal da biblioteca universitaria e consistiu na representación dunha adaptación teatral da peza de Carlos Casares “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, dirixida pola docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus, Isabel Mociño, e interpretada polo alumnado de cuarto curso do grao de Educación Primaria. A súa actuación estivo intercalada coa interpretación a cargo de Susa Herrera, contacontos e docente do mesmo centro, e estudantes de segundo curso de Primaria e de terceiro de Infantil de tres cancións, tituladas “O peixe da fonte do xardín”, “A bomba da felicidade” e “A galiña azul”. Estas pezas, creadas por Herrera, están inspiradas nos textos que conforman a obra “A galiña azul”. O acto, aberto a todos os intresados, contou coa asistencia do alumnado da Escola Infantil do campus de Ourense e coa organización de, ademais das docentes implicadas, de persoal da Área de Cultura e da propia Biblioteca Rosalía de Castro.

Tras a representación, o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, quixo destacar a importancia da mestura de colectivos, como estudantes, profesorado e persoal de administración e servizos, e de xeracións, desde os nenos e nenas da escola infantil ata o profesorado, que confluíu nesta celebración do Día das Letras Galegas. “Este acto representa moi ben a vitalidade e a forza da universidade e amosa os froitos do traballo colaborativo que nela se realiza”, subliñou Virxilio Rodríguez. O vicerreitor do Campus fixo fincapé na importancia do Día das Letras Galegas como “a celebración do pobo” e como “a reivindicación dunha nación”. Tamén destacou a figura de Carlos Casares, da que lembrou que “era unha persoa implicada co país en diferentes facianas”, sinalando a súa traxectoria política, literaria e editorial. “Era unha persoa referente, un galego referente”, dixo.
Virxilio Rodríguez ensalzou a figura de Casares no seu discurso.

Agradecendo a asistencia do público presente e o esforzo feito polo alumnado para preparar as pezas representadas, Isabel Mociño desexou, ao igual que o fixo o vicerreitor do campus, “un feliz Día das Letras Galegas” a todos os presentes. Collendo as palabras de Castelao, a docente da Facultade de Ciencias da Educación fixo fincapé aos asistentes en como “se somos galegos é por obra e graza do idioma”. Tras a súa intervención, Mociño entregou, entre o aplauso dos asistentes, un ramo de flores a Susa Herrera, dada a súa inminente prexubilación este curso académico.Acorde coa temática elixida para o acto, ao longo de todo o día, e especialmente tras a actuación, repartiuse entre os usuarios da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense laranxas coas que, facendo unha chiscadela ao título da obra de Casares, quíxeron deixar un bo sabor de boca nos presentes ao mesmo tempo que se fomentaban os bos hábitos de saúde. A programación dedicada ao escritor ourensán continuará en xuño no Campus de Ourense coa exposición “As caras dos libros”.

Ao rematar as actuacións, repartíronse laranxas entre os estudantes da biblioteca.

Artigos relacionados

Back to top button