CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Campus oferta sete cursos de formación continuada para este verán

A temática dos mesmos está relacionada coa sostenibilidade, a auga, a cultura e a empresa e fanse grazas a un convenio que ten a UVigo coa Deputación
Rosendo Fernández e Virxilio Rodríguez acompañados polos directores dos cursos.

O Campus de Ourense e a Deputación van a poñer en marcha, un ano máis, os cursos de extensión universitaria que, durante a época estival, ofrecen formación sobre diferentes temáticas e axustadas á realidade ourensá. A presentación destas actividades tivo lugar hoxe, 23 de maio, e na que participaron o Vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

En canto aos cursos deste ano, a oferta é a seguinte: Retos e perspectivas do uso sustentable dos recursos hídricos; Empresa familiar: Goberno e Sucesión; Augas minerais naturais: como captalas, degustalas e aplicalas terapeuticamente; 700 anos da “Festa do Boi” e outros elementos do patrimonio inmaterial relacionados; A obra audiovisual, suma de talentos; A sociedade da información (III): Preocupacións educativas nun mundo dixital; e o Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e a da sidra.

Froito da colaboración entre ambas as dúas institucións, que asinaron un convenio polo cal o goberno provincial fixo unha achega á Universidade de Vigo de 220.000 euros destinados a actividades culturais, deportivas, de investigación e de proxección universitaria, “esta oferta formativa é posible”, dixo Rosendo Fernández. Asemade, o vicepresidente da Deputación insistiu en que esta colaboración “achega a universidade á sociedade no que atinxe ao aspecto tanto xeográfico como formativo”.

Pola súa banda, Virxilio Rodríguez, dixo que se trata “dunha oferta educativa moi achegada á realidade do noso territorio con temáticas vencelladas á auga, ao medio ambiente ou mesmo ao sector empresarial”. O Vicerreitor destacou que estes cursos de verán, de extensión universitaria, sen das aulas da Universidade, “estendendo a institución máis aló dos seus límites e das súas instalacións habituais, porque queremos que o noso campus sexa o de toda a provincia”. Por iso estes cursos impartiranse en Muíños, Celanova, Allariz e a Estrada.

A matrícula está aberta até o 15 de maio “calquera cidadán interesado nestas actividades poderá anotarse neles” dixo Virxilio Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button