Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Campus Ourense Rugby cae ante o Getxo RT por un axustado 22-23

O segundo partido de liga na división de honra B disputábase no campo ourensán

Coa homenaxe a Paco Cordeiro, recentemente falecido, nas figuras da súa viúva e unha das súas fillas (que recibían sendos ramos de flores da man da secretaria xeral para o Deporte, Marta Miguez), comezaba o partido entre o Campus Universitario Ourense RC e o Getxo RT no campo ourensán.

Coas baixas por lesión de Justin, Abraham e Tu’uta e os efectos da intensa calor, o Ourense saltaba ao terreo de xogo na mañá do 23 de setembro contra un Getxo con experiencia na división de honra e superior nas melés.

O partido foi moi disputado e ámbolos dous equipos pelexaron pola vitoria, sendo os de casa os que se adiantaban cun ensaio de Reuben no minuto 4. Dous golpes de castigo en contra recurtaban distancias e o primeiro tempo remataba con outro ensaio de Getxo e o marcador 5 a 13.

Tralo descanso os ourensáns reaccionaron e Sam transformaba un golpe de castigo. Lonxe de amedrentarse, os viscaínos conseguían outro ensaio transformado minutos máis tarde, pero cando parecía que tiñan o partido controlado, no minuto 58, Jaime ensaiaba e Sam transforma, repetindo ensaio para os locais no 71 por medio de  Zach, que tamén transformaba.

Co empate a 20 e a dez minutos para o final do encontro, o Campus comete un golpe de castigo con cartón amarelo para Guille que aproveita o apertura visitante. Sen tempo xa para máis o partido remataba cun axustado 22 a 23.

Fotos: Campus Universitario Ourense RC.

Artigos relacionados

Back to top button