DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Campus Ourense Rugby, a un paso do ascenso á división de honra B

Cun contundente 31-3 vencían ao Bilbao no partido de ida da final disputado en casa

Un a un o conxunto ourensán de rugbi vai superando os niveis e sorteando os obstáculos que o separan da división de honra B, unha categoría que xa tocan cos dedos da man, especialmente tralo fantástico partido disputado ante o Universitario Bilbao, ao que superaban por 31-3.

O xogado no Campus ourensán na mañá do 5 de xuño, foi un partido de claro dominio local, con boas ideas e un gran traballo tanto dos dianteiros como dos tres cuartos que souberon aproveiar ben as súas oportunidades. “Ao principio, ulíase un pouco de ansiedade por parte de ambos bandos por intentar marcar e sumar canto antes”, explican dende o conxunto rosa, engadindo que houbo que esperar ata o minuto 16 en que Abraham inauguraba o marcador cun ensaio non transformado. A partires de aí, a cousa iría de corrido e apoiados pola afección que acudíu ao campo no soleado domingo, os ourensáns seguían sumando ata o pitido final.

Agora, queda o partido definitivo que se xogará en Rekalde o vindeiro domingo 12 de xuño, no campo El Fango ata onde se desprazará o conxunto galego para disputar o partido de volta. Os 80 minutos que os separan do tan esperado e merecido premio despois de dous anos de duro traballo. O Ourense viaxará con 28 puntos de vantaxe pero conscientes de que o partido hai que xogalo ata o final “traballando con humildade e intensidade e, por suposto, con respecto ao equipo contrario que xoga na súa casa”.

Fotos: Alberte Paz.

Artigos relacionados

Back to top button