Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O candidato de Anova en Manzaneda presenta un programa realista e social

Xosé Manuel Beiras arroupaba a David Rodríguez no mitin que tiña lugar na praza do Concello na tarde do 16 de maio
David Rodríguez, cabeza de lista de Anova en Manzaneda, no mitin do 16 de maio./ Foto: Carlos G. Hervella.
David Rodríguez, cabeza de lista de Anova en Manzaneda, no mitin do 16 de maio./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Comezamos unha nova etapa e temos un programa de actuacións xerais. Moi realista, que segue remarcando as actuacións sociais”. Deste xeito presentaba David Rodríguez, actual alcalde de Manzaneda e cabeza de lista por Anova neste municipio, o proxecto de actuacións que pretende desenvolver no concello no caso de resultar reelixido o vindeiro 24 de maio. Facíao no mitín celebrado na tarde do 16 de maio nunha ateigada praza do Concello e no que estivo arroupado por numerosos representantes de Anova-Irmandade Nacionalista, entre eles o deputado autonómico Xosé Manuel Beiras.

Di que se trata dun proxecto que vén a dar continuidade ás accións desenvolvidas na actual lexislatura e que enumeraba na súa intervención. Entre eles destacaba unha serie de actuacións e arranxos nos pobos, a construción dun albergue, a creación de parques infantís, a formación dun grupo de Protección Civil “que é modélico e que está indo a dar clases por toda Galicia”; ou a remunicipalización do comedor escolar. Tamén lembraba que se logrou conter o descenso poboacional e que é Manzaneda é o concello da provincia de Ourense que “máis destina a servizos sociais e cultura. Nós cremos na cultura como un dinamizador económico da comarca”, dicía Rodríguez Estévez.

Público asistente a este acto celebrado na praza do Concello de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.
Público asistente a este acto celebrado na praza do Concello de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Houbo tamén moitos agradecementos no seu discurso. Primeiro ás persoas que formaban parte da candidatura que se presentaba nas eleccións do 2011, “que axudaron a que este programa se faga realidade”. Tamén agradecía a presenza neste mitin en Manzaneda de figuras de primeira liña de Anova e tiña unha lembranza especial para as persoas “que hoxe non poden estar aquí, que nos deixaron, e en especial para o meu avó, que para min é o referente do que debe ser unha persoa”.

David Rodríguez, xunto a Xosé Manuel Beiras, nun dos momentos do mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.
David Rodríguez, xunto a Xosé Manuel Beiras, nun dos momentos do mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

De seguido, tomaba a palabra Xosé Manuel Beiras, quen gababa o labor de David Rodríguez ao fronte do Concello de Manzaneda e resaltaba que “a súa equipa de goberno mudou a forma de facer política, sobre todo cando se trata de comarcas que están deixadas da man de Deus. David ganouse a credibilidade como representante político, e ese é o camiño da rexeneración democrática. É un camiño duro e difícil porque estamos a padecer unhas formas cuasi autoritarias do exercicio do poder”.

Artigos relacionados

Back to top button