Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O candidato popular á alcaldía da Rúa percorre con Baltar o municipio para plantexarlle diversas demandas

Álvaro Fernández decidía substituír o mitin de campaña por unha visita para amosarlle a Manuel Baltar as “necesidades do concello”

Na tarde do 17 de maio o presidente do PP de Ourense e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, reuníase na Rúa co cabeza de lista popular á alcaldía deste concello, Álvaro Fernández, e con membros da súa lista. Neste encontro facían un percorrido por diversos lugares do municipio, no decurso do cal Álvaro Fernández lle ía transmitindo unha serie de demandas a Manuel Baltar.

“A miña idea é cambiar un pouco a idea do mitin, o presidente ten unha axenda moi apretada e deunos a posibilidade de facer un mitin aquí, pero quixen aproveitar ese tempo para traballar pola Rúa e para que vira as necesidades do pobo parque no caso de que nos accedamos a alcaldía e podamos gobernar xa podamos empezar a traballar”, sinalaba o candidato.

Así nesta reunión abordaban temas como o deportivo. “Onte tivemos unha reunión coas escolas deportivas e coas asociacións e plantexábamoslle potenciar toda a zona do Aguillón, as necesidades do campo de fútbol, que precisa dun tratamento de caucho que leva tempo sen facerse e estase deteriorando, necesita colocar unhas redes arredor do campo porque están todas tumbadas, ten que terminar os vestiarios que xa estaban proxectados no mandato de Avelino García e, a ser posible, facer outras gradas máis e cubrir a parte de arriba dos vestiarios para facer unha zona cuberta”.

Tamén visitaban a zona do Aguillón, que “consideramos que ten moito potencial a nivel turístico, paisaxístico, a nivel deportivo, hai moita xente maior que elixe esa zona para pasear e estar”, engadía o candidato popular. E o percorrido finalizaba na zona da Reza “que está moi desaproveitada e está moi preto do pobo, e creo que podíamos recuperala para un entorno familiar como o que ten por exemplo San Clodio e outros lugares cercanos onde nos temos que desprazar porque non o temos no pobo”, dicía Álvaro Fernández.

Pola súa banda, Manuel Baltar aseguraba que lle encantou “esta forma de substituír o tempo de mitin por estar realmente nos sitios, porque os mitins practicamente son todos iguais, estás nun recinto pechado falando con xente que máis menos xa está convencida e é votante da túa formación e aquí estamos vendo cuestións e buscando solucións. Esta hora que pasamos na Rúa aproveitámola sobre o terreo, da man dun candidato que coñece perfectamente o que fai falta e facéndome eu cargo da situación e entendendo perfectamente os seus plantexamentos, e entón paréceme unha fórmula novidosa e bastante máis efectiva que o mitin, voume gratamente sorprendido deste formato porque me parece máis que interesante, e sobre todo moi moi efectivo”.

Artigos relacionados

Back to top button