Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

O candidato socialista á alcaldía de Verín adianta os eixos do seu programa

Gerardo Seoane mantiña un almorzo informativo cos medios de comunicación na mañá do 14 de abril

O candidato socialista á alcaldía de Verín, no encontro mantido coa prensa o 14 de abril./ Foto: Carlos G. Hervella.
O candidato socialista á alcaldía de Verín, no encontro mantido coa prensa o 14 de abril./ Foto: Carlos G. Hervella.

Unha “vontade de cambio”, “propostas que atenden a problemas reais” e a necesidade de que as “eleccións sexan democráticas”. Son as principais ideas que poñía sobre a mesa o candidato socialista á alcaldía de Verín, o arquitecto Gerardo Seoane Fidalgo, nun encontro mantido coa prensa nesta vila ourensá na mañá do 14 de abril.

“Teño a certeza practicamente absoluta de que os cidadáns de Verín queren un cambio na forma de gobernar o Concello, unha forma de gobernar máis democrática, con máis igualdade e xustiza social”, asegura Seoane. E nese senso adianta algunhas das medidas que se incluirán no programa co que concurrirá ás vindeiras eleccións municipais de maio neste concello. Nelas faise fincapé en problemas como “o envellecemento, a despoboación das localidades limítrofes ou a desaparición da xuventude”. Tamén apunta a importancia de “afrontar a desaparición de sectores económicos como a construción ou a baixada do comercio”.

Con respecto ao problema do envellecemento os socialistas de Verín plantexan, entre outras cuestións, crear unha “rede municipal de centros de día e vivendas sociais. Non cremos no modelo de que unha persoa maior teña que pasar os seus últimos días nun xeriátrico se está válida, senón no pobo no que naceu. Ademais desta maneira tamén se xerarían postos de traballo”, resalta Seoane.

Propón asemade crear outro modelo económico “que substitúa ao actual da construción e que palíe a perda de postos de traballo e asente á poboación no seu lugar orixinal”. En concreto dirixe á súa mirada ao sector agroalimentario, que agora mesmo ten en Verín dous referentes: a auga e o viño. A eles poderían sumarse outros produtos que xerasen valor engadido como é o caso das “castañas ou o mel” de xeito que se créase un circuíto produtivo “completo, e así poderían aparecer novas liñas de negocio usando tamén plataformas como a da Eurocidade. A nosa misión é poñer en coñecemento dos empresarios e particulares estas liñas de actuación”.

O candidato socialista referíase ademais á “rehabilitación do medio. Nós pretendemos facer outro tipo de cidade, intentar recuperar o que é o Verín antigo e facer unha rehabilitación dirixida tanto no casco antigo como nos pobos”.

Artigos relacionados

Back to top button