ConcellosO BarcoÚltima hora

O cantautor Miro Casabella e o contador xaponés Yoshi Hioki, no IX De Perto do Barco

Este ciclo, que se celebrará do 25 de xuño ao 17 de xullo, incluirá 8 actuacións ás 20:30h. no Xardín da Casa Grande de Viloira

A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación do ciclo “De Perto”./ Foto: A.R.

 

“Esta será unha edición de luxo en todas as disciplinas da palabra que toca o De Perto: a palabra rimada, cantada e contada. Teremos a primeiras figuras, xente que se move tanto nos circuítos nacionais como internacionais,  a gran escala”. A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, presentaba deste xeito o que será xa a novena edición do ciclo De Perto, que se desenvolverá do 25 de xuño ao 17 de xullo con 8 actuacións ás 20:30h. na Casa Grande de Viloira (en caso de choiva trasladaranse á Sala Julián Trincado da Casa Grande).

O programa encetarase o vindeiro 25 de xuño coa narradora oral Paula Carballeira, que “participa por terceira vez no ciclo”, matizaba a edil de Cultura. Desta volta presentará o seu espectáculo “Mulleres que viven soas”. Neste eido da palabra narrada tamén pasarán polo De Perto o xaponés Yoshi Hioki, cun xeito diferente de contar, e a aragonesa Cristina Verbena, habituais dos grandes encontros e festivais de narración oral de Europa, África e América Latina.

Na poesía contarase coa voz de Lorena Conde, que estará acompañada das Irmás Leña, nunha perfomance poética e musical titulada “Gran Simio con fouciño”, baseada nun dos seus poemarios.

Ademais o De Perto fai aluión á veciña comarca do Bierzo no marco do próximo bicentenario da provincia do Vierzo, que se recoñece en xaneiro de 1822 e da que Valdeorras formou parte ata a súa disolución, tras pouco máis dun ano de existencia. Unha chiscadela que virá da man das voces e as pandeiretas de Denise Silva e Bea Boto, que recollen e interpretan cantigas de tradición oral, e por Javier Vecino (Teatro Conde Gatón), cunha sesión de narración oral creada para este ciclo.

Outra das presenzas que Margarida Pizcueta destacaba nesta edición é a do cantautor Miro Casabella, que formou parte do Voces Ceibes e que compartiu escenario cos grandes nomes da chamada canción protesta. O ciclo pecharase, nesta ocsión con teatro, en concreto coa peza “As Fillas Bravas e o Mito de Casandra”, do grupo Chévere.

 

Cartel de “De Perto”, obra de Enrique Fernández Prada.

 

Finalmente, a concelleira de Cultura resaltaba que o cartel deste IX De Perto é obra do valdeorrés Enrique Fernández Prada, que “penso que plasmou na pintura o espírito deste ciclo, nel están os artistas, o público e a natureza”.

Artigos relacionados

Back to top button