CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta o seu novo disco “Duetos” na Cidade da Cultura

Con este concerto, previsto para o 21 de setembro, dará comezo á xira de presentación do que é o oitavo traballo editado polo músico
Emilio Rúa nunha imaxe promocional do seu novo traballo.

Víctor Manuel, Rosa Cedrón e Vicky Gastelo, tres artistas de recoñecida traxectoria no paronama musical, acompañarán o vindeiro 21 de setembro no escenario ao músico e compositor de Riós, Emilio Rúa. Será na presentación en Santiago do seu último traballo, “Duetos”

O concerto, que terá lugar na Cidade da Cultura, será programado coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Con el Rúa abrirá a xira de presentación deste traballo. “Duetos” é froito de tres anos de traballo, coa contribución dalgúns dos artistas máis importantes da música española.

Ademais dos tres músicos que cantarán con Emilio Rúa neste primeiro concerto, participan no álbume referentes como Pablo Milanés, Carlos Goñi –líder de Revólver–, Mercedes Ferrer, Javier Ojeda –cantante de Danza Invisible–, Soledad Giménez –Presuntos Implicados– ou Josele Santiago –Los Enemigos–. Todos eles reinterpretan cancións de Emilio Rúa en galego e castelán e composicións propias en distintos duetos co artista.

Con este oitavo disco, o artista espera colmar as expectativas dos seus seguidores e darse a coñecer tamén a novos públicos. A actuación no Museo Centro Gaiás, o venres 21 de setembro ás 21 horas, será a primeira oportunidade para escoitar en directo un dos discos máis novidosos e diferentes da música galega dos últimos tempos. As entradas poden adquirise xa a través da plataforma web de Ticketea.

Emilio Rúa, natural das Vendas da Barreira (Riós), leva dedicado á música desde os sete anos e conta cunha ampla traxectoria profesional como intérprete e compositor. En solitario ou acompañado da súa banda, levou a música en galego por múltiples lugares de Galicia e España, pero tamén a Londres, Manchester, São Paulo ou Buenos Aires. Así mesmo, é colaborador habitual en proxectos audiovisuais galegos de cinema e televisión.

Artigos relacionados

Back to top button