CulturaMúsica

O cantautor rues Magín Blanco presenta novo traballo

“Gatuxo” é un libro de ilustracións e cancións dirixido aos máis pequenos
Portada do libro/disco de Magín Blanco.
Portada do libro/disco de Magín Blanco.

Despois de conquistar os oídos e os corazóns de miles de nenos co seu anterior libro/disco de aventuras “A Nena e o Grilo nun Barquiño” e as súas cancións de corte pop, o músico rues Magín Blanco presenta un novo traballo que estará dispoñible a partires de mañá 4 de novembro.

Trátase de “Gatuxo” un libro de ilustracións e de cancións “extraordinarias, pausadas, alegres e tranquilas con instrumentacións coidadas e sutís, xogos de voces e ecos beatlelianos que transmiten emocións asociadas ao espertar á vida, alegría, risas, movemento, descubrimento, soño e que utiliza onomatopeas propias deste espertar” en palabras da dicográfica Fol Música.

As ilustracións e as cancións incluídas neste libro/disco “axudan a crear o vínculo afectivo dos máis pequenos cos seus pais e contribúen ao desenvolvemento do córtex cerebral polo seu efecto positivo sobre a memoria e a atención”. Así pois, a escoita activa destas accións e a observación das ilustracións xunto ao pequeno, “contribuirá a que alcance unha maior precisión para percibir e abstraer estímulos visuais e auditivos, desenvolvendo o seu sentido da orde e facilitando a creatividade. Tamén supoñen unha espléndida preparación pre verbal, co que os nenos poden comezar a falar antes e acelerar a aprendizaxe de idiomas” explican dende a discográfica.

Nesta nova aventura Magín Blanco segue acompañado por María Faltri e Jorge Juncal, ademais de contar coa autora das ilustracións, Erica Maradona, unha artista brasileira que “soubo resumir de forma natural en cada escena ilustrada, as emocións que “Gatuxo” quere transmitir e que forman parte do espertar e a aprendizaxe dos que empezan a vivir” din dende Fol Música.

Artigos relacionados

Back to top button