CulturaCulturaÚltima hora

O Carballiño acolle a XII Festa da Palabra

Durante o acto, que tivo lugar o domingo 19 de xullo, entregáronse os premios "Insua dos Poetas 2020"

 

O domingo, 19 de xullo, celebrouse no lugar da Esgueva (parroquia de Madarnás, no concello ourensán de O Carballiño) a duodécima edición da Festa das Palabras, organizada pola Fundación Insua dos Poetas. No acto, que conmemora o centenario da icónica revista “Nós”, estreouse o “Auditorio Nós” e outorgáronse os premios “Insua dos Poetas 2020”. Este ano tamén se concedeu un galardón especial ao traballo sociosanitario cos enfermos de Covid-19. Á celebración acudiron numerosos persoeiros de diversos ámbitos institucionais, culturais e sociais, así como veciños da contorna. Tamén estivo presente o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.

Os galardoados, por categorías son: a profesora e escritora Pilar García Negro na categoría de Literatura; Regina Jallas na categoría de Emigración; a Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña na categoría de Acción Social; a cantautora Sés na categoría de Música; o Cine Club Carballiño na categoría Audiovisual e Xosé Manuel Piñeiro na categoría de Comunicación. A Residencia Integrada dos Milagros, no concello de Baños de Molgas recibiu o premio especial.

 

Fotografía tomada durante o acto.

 

Durante o acto presentouse o libro “Camiño de Nós”, de Lorenzo Gil. A obra é unha recolleita dunha crónica publicada no periódico “A Nosa Terra” no ano 1926 que narra a peregrinaxe de Ourense a Santiago realizada por personalidades tan recoñecidas como Vicente Risco, López Cuevillas, Otero Pedrayo, Lois Feixóo, Antón Sánchez ou Xavier Pardo. O escritor quixo destacar que o libro se trata dun proxecto “eminentemente ourensán: pensado na Insua dos Poetas, promovido pola Deputación de Ourense, editado en Allariz e apoiado por estes outros autores dos que a beleza do seu traballo gráfico está nesta publicación moi ben recollida”.

Ao acto acudiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar quen, durante a súa intervención, afirmou que este evento cultural “é un dos máis importantes dos que se celebran en Galicia”. Sobre o centenario da revista Nós, o presidente do goberno provincial destacaba que “alumeou á Xeración Nós, o berce do pensamento político galeguista, e por esta razón, serán benvidas todas as homenaxes que fagamos aos persoeiros que fixeron patria”.

Tamén estiveron presentes os conselleiros en funcións de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e de Medio Rural, José González. Rodríguez quixo facer fincapé en que esta festa “recoñece o mellor de nós, a nosa lingua, a nosa cultura e tamén en certa medida a nosa forma de ser”. Tamén anunciou que o goberno autonómico traballa na mostra “Galicia, de Nós a nós”, no Congreso Internacional da Cultura Galega que se celebrará en Ourense para actualizar o legado da Xeración Nós e analizar os desafíos deste novo século. Pola súa banda, José González dedicou a súa intervención a mencionar algúns proxectos da Xunta que “pretenden desenvolver a actividade económica ligada sempre á calidade como un recoñecemento tamén da nosa galeguidade”.

 

Inauguración do muíño.

 

Unha vez rematadas as intervencións, a celebración trasladouse ao Muíño do Medio ou Muíño Tabú para a súa inauguración, logo de ser rehabilitado pola Axencia de Turismo de Galicia. O grupo “Son de Trío” encargouse de amenizar a festa coa súa música. “Airiños de Caldelas” realizaban unha romaría literaria pola tarde e, posteriormente, os asistentes desfrutaron dun recital poético e a actuación musical do grupo “Tor” que presentaba o seu novo disco.

A Fundación Insua dos Poetas leva realizando a “Festa da Palabra” dende o ano 2009 con homenaxes a figuras tan destacadas como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro ou Eduardo Blanco Amor, entre outros. No tocante á vindeira edición de 2021, o presidente da fundación, Luís González Tosar, anunciou que a festa homenaxeará “aos seis poemas en lingua galega que fixo o gran poeta Federico García Lorca”.

Fotos: cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button