CulturaÚltima hora

O Carballiño acolle a XXVII edición do Fetega do 6 ao 9 de setembro

O festival de teatro galego foi presentado esta mañá no Pazo Provincial de Ourense
Un momento da presentación do Fetega 2016, esta mañá no Pazo Provincial.
Un momento da presentación do Fetega 2016, esta mañá no Pazo Provincial.

O Carballiño prepárase para ser escenario do Festival de Teatro Galego (Fetega), que este ano celebrará a súa XXVII edición entre os días 6 e 9 de setembro. A cita foi presentada esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense cun acto no que estivo presente o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Fetega, Josi Lage, entre outros.

Trátase do festival máis antigo da comunidade e ofrece un programa con actividades para todos os públicos. Así, a vila será escenario de representacións teatrais que se distribuirán en varios enclaves: o aniteatro exterior do Carballiño e o Auditorio Municipal.

O anfiteatro acollerá ás 20 horas as seguintes obras: “Encontros”, de Pistacatro Productora de Soños (día 6); “Girisho: The king of the circus”, de Desastronauts (día 7); “Trasno”, de Pistacatro Productora de Soños (día 8), e “Up2down”, de Traspediante o último día.

Pola súa banda, no Auditorio Municipal as representacións serán máis tarde, ás 22:30 horas e serán as seguintes: “María Casares: ensaio sobre a cegueira”, de Sarabela Teatro (día 6); “unhas poucas picadelas”, da compañía Teatro de Ningures (día 7); “Nosa señora das nubes”, de Teatro do Morcego (día 8); e “Monólogo do imbécil”, de Eme2 (día 9).

O venres tamén se levará a cabo a gala de entrega de premios, que nesta edición será presentada pola actriz Isabel Blanco. Ademais, en paralelo, a programación contempla teatro na rúa, conferencias e diversos obradoiros.

Artigos relacionados

Back to top button