O Carballiño acollerá, do 22 ao 24 de agosto, a XXIX edición do Festival de Teatro Galego

O FETEGA desenvolverase en tres escenarios: o Anfiteatro, a Casa da Cultura e o Auditorio

As artes escénicas galegas teñen unha nova cita no Carballiño, do 22 ao 24 de agosto, con motivo da celebración da XXIX edición do Festival de Teatro Galego (FETEGA).

A programación desta edición do festival desenvolverase en tres localizacións do municipio: o Anfiteatro, a Casa da Cultura e o Auditorio. No anfiteatro as actuacións terán lugar ás 19:30 horas e comezarán o mércores, 22 de agosto, coa obra Totum Revolution da compañía Vueltos de Rosca. Ao día seguinte, será a quenda para a compañía Pistacatro coa obra A vida tola e o venres, 24 de agosto, actuará a compañía Duelirium coa obra O que queda por chover.

As representacións teatrais que acollerá o Auditorio serán: o mércores, 22 de agosto a obra Loló e Mamá da compañía Destexeito; a obra Elisa e Marcela da compañía A Panadaría será o xoves 23 de agosto; e a obra Chola a it girl da compañía Artesa Teatro pechará o Festival o venres, 24 de agosto, coincidindo coa gala e entrega dos premios FETEGA Dorotea Bárcena. Tódalas actuacións terán lugar ás 22:30 horas.

O programa de actividades complétase con animación na rúa, un obradoiro e unha mesa redonda que abordará o pasado, o presente e o futuro das mulleres na escena galega. A entrada será de balde para tódalas actividades, agás para as actuacións teatrais que teñen lugar no Auditorio, que teñen un custe de 10 euros.

Na presentación, que tiña lugar na mañá do 7 de agosto no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a directora do FETEGA, Josi Lage pediu un minuto de silencio na memoria de Ernesto Chao, o actor galego recentemente falecido e fixo mención á “falta de apoio económico desde o AGADIC, a axencia galega das industrias culturais, que este ano non concedeu axuda ao festival, o único exclusivamente en galego”. Josi destacou asemade que esta 29ª edición do festival conta cun programa “variado con especial visibilidade da muller”.

 

Programación do FETEGA.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies