ConcellosO CarballiñoÚltima hora

O Carballiño cambia a celebración da tradicional Festa do Pulpo por unha semana gastronómica

Terá lugar entre o 3 e o 9 de agosto nas rúas e establecementos da vila

O Concello do Carballiño vén de anunciar que muda a celebración tradicional no parque municipal da Festa do Pulpo, por unha semana gastronómica. Terá lugar entre os días 3 e 9 de agosto nas rúas e establecementos da vila.

 

 

O pulpo poderase degustar nos bares, mesóns e restaurantes do casco urbano, que ofrecerán un menú típico da Festa do Pulpo, como é a carne ao caldeiro e empanada, ademais doutras posibles ofertas culinarias da hostalaría local.

Así, o Concello “autorizará a instalación de postos de pulpo nas rúas e prazas da vila, dun modo semellante a como se fai os días de feira, e incluso se permitirá algún emprazamento máis, co obxectivo de facilitar que as persoas que desexen degustar o pulpo no Carballiño o poidan facer calquera día desa semana, evitando posibles aglomeracións”.

Ademais, dende o Concello recomendan reservar mesa nos establecementos hostaleiros da vila para calquera día da semana, “sobre todo o venres, 7 de agosto, o sábado, 8 de agosto, e o domingo, 9 de agosto”, para garantir as medidas de seguridade. Así, non se permitirá o consumo de bebidas fóra das terrazas ou do interior dos locais hostaleiros.

“Ao non celebrarse a Festa do Pulpo do 2020 como tal, tampouco terá lugar ningún dos actos programados nos anos anteriores, como son a elaboración da tapa xigante de pulpo, nin a Festa das Camisetas, entre outros”, afirman.

Durante esa semana tamén haberá actos culturais de pequeno formato, tanto infantís como para adultos, con aforo limitado a 150 persoas, que terán lugar na Praza Maior, no entorno da Veracruz e na explanada do Parque Municipal.

Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button