EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Carballiño, capital do pulpo co Eixo Atlántico no corazón

A localidade ourensá degusta unhas 150.000 racións deste cefalópodo na edición máis internacional da festa

O Concello do Carballiño volveu converterse hoxe na capital mundial coa celebración da 54 edición da Festa do Pulpo, unha cita que este ano incrementaba a súa proxección internacional facendo especial fincapé nas cidades portuguesas e galegas do Eixo Atlántico. A abafante calor non foi impedimento ningún para que milleiros de persoas se achegaran até a vila a degustar un bo prato de pulpo á feira. O escenario principal foi o Parque Municipal. Alí tivo lugar arredor das 13 horas a inauguración oficial, cun saúdo do alcalde, Franciso José Fumega, e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

“Hoxe pódense cocer no Carballiño arredor de 70.000 kilos de pulpo”, avanzaba o rexedor nas súas verbas de benvida. Fumega agradeceu a presencia dos visitantes destacando que “esta celebración é, sobre todo, un lugar de encontro de familias de emigrantes e de visitantes que queren desfrutar dunha auténtica festa popular”. Tamén lembrou que a edición deste ano é máis especial, se cabe, coa adicación ao Eixo Atlántico. Así, estiveron presentes autoridades das cidades portuguesas de Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo, así como de Braga. En Galicia, a festa tivo un especial recoñecemento cara as Rías Baixas.

Núñez Feijóo referiuse tamén ao Eixo Atlántico sinalándoo como “un compromiso de mostrar ao mundo unha forma de entenderse entre dous países”. “É unha forma de ensinar na Unión Europea que a primeira Eurorrexión foi a que fixeron os do norte de Portugal cos galegos”, continuou, para definilo como un modelo de colaboración e cooperación “intereuropea e interfronteiriza”. O titular do goberno autonómico tamén enxalzou a vila ourensá destacando “o mérito de poñer un produto do mar como sinal de identidade de Galicia dende o interior”. Un feito que, baixo o seu punto de vista, é símbolo de astucia e intelixencia do pobo carballiñés.

Pola súa banda, o rexedor tamén se mostrou orgulloso de “manter viva esta tradición e convertela nun auténtico símbolo das nosas excelencias gastronómicas”. Ademais, anunciou que a vila está a piques de incrementar o seu potencial turístico, coa inminente apertura dos balnearios de Partovia e do Carballiño. Para rematar, referiuse ao labor dos pulpeiros, dos panadeiros de Cea e dos colleiteiros do Ribeiro como segredo do éxito desta festa gastronómica.

Tras os discursos inaugurais, as autoridades percorreron as principais vías do Parque Municipal ateigadas de postos de venda ambulante e artesanía local até chegar ás pulperías. Un total de 22 establecementos cocían no pulpo para servir aos milleiros de comensais. Con todo, e pese á velociade das tesoiras, alcalde e presidente puideron degustar o produto recén cortado. Tamén durante o paseo, Feijóo saudou ao que fora secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez.

“Hoxe é o colofón a 15 días que levamos de festa cunha participación impresionante nas actividades que deseñamos para todo tipo de idades”, valoraba o edil de Turismo, Xosé Manuel Dacal, como organizador da programación. En declaracións ao Periódico O SIL explicou que a festa ten tamén unha repercusión directa no turismo da vila, que durante estes días acadou “case o 100% da ocupación”.

Entre as autoridades presentes atopábase o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a directora xeral de Turismo, Nava Castro ou o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, quen definiu o evento como unha “festa consolidada con pasado, con presente e cun bo futuro”. Así mesmo, tamén acudiu o candidato do PSdeG-PSOE á Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero.

Arredor das 15 horas comezaba o gran xantar no recinto habilitado especialmente no parque. Alí, uns 1.500 comensais puideron degustar un menú composto por empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, postres e bebidas. A música completou o ambiente festivo.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos:
https://osil.info/54-festa-pulpo-carballino-move-masas/

Artigos relacionados

Back to top button