ConcellosÚltima hora

O Carballiño dedicará a 58º Festa do Pulpo ao persoal sanitario e de emerxencias

Terá lugar o domingo 9 de agosto e contará cun formato "moito máis reducido" e con "todas as medidas establecidas para evitar posibles contaxios", segundo o Concello

 

A vindeira edición da Festa do Pulpo do Carballiño, que se celebrará o domingo 9 de agosto, será especial por varios motivos. En primeiro lugar, non terá o seu carácter habitual de festa gastronómica multitudinaria, senón que nesta ocasión, por causa do coronavirus, será unha moito máis reducida e nela tomaranse todas as medidas establecidas para evitar posibles contaxios. Ademais estará a expensas da evolución da pandemia durante os meses de xuño e xullo.

Por outra banda, o Concello do Carballiño quere renderlle unha homenaxe ao persoal de sanidade e emerxencias que estivo na primeira liña na loita contra o Covid-19 e por iso dedicaralles esta 58ª edición da festa.

Ademais destes colectivos, o Concello quere recoñecer tamén “o esforzo realizado polo persoal farmacéutico, forzas de seguridade estatal e autonómica, Exército, Policía Local, Protección Civil, Grumir, coidadores e coidadoras de residencias de maiores e de axuda no fogar, transportistas, empregadas e empregados dos supermercados e de todo o sector da alimentación e, en xeral, aos traballadores e traballadoras que estiveron nos seus postos de traballo durante o período de confinamento”, tal e como se indica dende esta administración local.

Ademais, no marco da festa intentarase manter na semana do 1 ao 9 de agosto un programa de actos de pequeno e mediano formato,  que terán lugar nas prazas do Carballiño respectando a normativa establecida para eventos culturais ao aire libre.

E o domingo 9 de agosto, o propio día da festa, no que o gran protagonista é o pulpo á feira, así como os pulpeiros e as pulpeiras, establecerase un sistema que permita poder celebrar a festa entre o parque municipal e os establecementos hostaleiros do casco urbano, evitando posibles aglomeracións e respectando sempre as normas de separación e de prevención establecidas polas autoridades para garantir a máxima seguridade ante calquera risco de contaxio.

“En todo caso, o formato da festa será establecido nas próximas semanas, unha vez que se comprobe a evolución e o control da pandemia, e se coñezan polo miúdo as normas marcadas para os eventos culturais, festivos e gastronómicos, como é o caso da Festa do Pulpo do Carballiño”, din dende o Concello.

Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button