CulturaCulturaÚltima hora

O Carballiño inicia a programación das Letras Galegas cun concerto infantil

Coa distribución dun marcapáxinas adicado a Carlos Casares, comeza a programación especial da concellería de Educación e Cultura co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Este marcapáxinas, cun texto de Casares alusivo á lingua galega, remitiuse xa a todos os centros educativos, e nos próximos días se entregará a todas os veciños e veciñas que o desexen.

Esta iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do concello marca o comezo do programa adicado ás Letras Galegas, que terá como principais protagonistas aos nenos e á mocidade.

Así, este sábado, 13 de maio, ás 12:30 h., no auditorio municipal, terá lugar o concerto para todos os públicos de “Pablo Díaz e a banda TIC TAC TOC”. (Máis información sobre este espectáculo e outros na versión impresa de “O Sil” do mes de maio).

Asemade, a partir do luns, 15 , e ata o 19 de maio, a Biblioteca Municipal desenvolverá un programa de “Actividades de Animación á Lectura”. A isto súmase a exposición “Encontro con Carlos Casares”, tamén nesas datas na propia Biblioteca; Os obradoiros “A Galiña Azul e “As andainas de Toribio”, os días 15 e 16 de maio na Sala Infantil da Biblioteca en horario de 18:00 a 20:00 horas, e o obradoiro “Descubrindo a Carlos Casares, dirixido a nenos de 6 a 11 anos, e será os días 18 e 19 de maio de 17:00 a 19:30 horas, e de 12:30 a 13:30 para persoas con discapacidade intelectual.

Finalmente, o 17 de maio, Día das Letras Galegas, na tarde, farase unha audición de blues e será a presentación “Blues Para Moraima”, de Miguel Anxo Fernández, obra gañadora do XXXV Premio de Novela “Blanco Amor”. Será ás 20:00 horas na Praza Maior.

 

Cartel do concerto de Pablo Díaz.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button