ConcellosÚltima hora

O Carballiño prepara as piscinas para a súa apertura en xuño

Piscinas municipais.

A brigada municipal de obras traballa dende hai dúas semanas nas piscinas públicas do Carballiño para acondicionalas “con vista á súa apertura de verán o próximo mes de xuño”, informaron dende o consistorio. Trátase dunha reforma en profundidade que afecta aos vestiarios, baños, duchas interiores e exteriores, cafetería, terraza superior e repintado das paredes interiores e exteriores.

Hoxe, 5 de maio, o alcalde Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo e Deportes, José Manuel Dacal, visitaron as obras para comprobar a súa marcha.

Concretamente, a brigada realiza obras de fontanería e albanelería, mentres a área de electricidade o fai no relativo aos motores das piscinas e sistema eléctrico xeral. Nos próximos días tamén se realizarán traballos de reposición e acondicionamento do césped, cambios no pavimento e alicatado, novos desaugadoiros das duchas exteriores, para evitar o aolegamento de auga, e novo pintado das paredes exteriores cunha tonalidade azul turquesa escura.

Con anterioridade a este traballo da brigada, tamén se realizou outra pequena reforma nos vestiarios a cargo da Escola Taller, que non poido completarse por rematar o obradoiro.

Debido á falta de mantemento durante os anos precedentes, esta instalación municipal precisaba unha importante reforma, que é a que se está levando a cabo actualmente co obxectivo de que as piscinas poidan estar en perfectas condicións ao comezo da tempada, prevista para o próximo mes de xuño.

O pasado verán as piscinas publicas municipais contaron con máis de 22.000 entradas vendidas, cifran dende o Concello. O incremento producido con respecto ao ano 2015 foi do 34%, aseguran. O verán do 2016 foi especialmente caluroso, “contribuindo a que a afluencia de usuarios fose masiva”, din.

 

Artigos relacionados

Back to top button