En portadaÚltima hora

O Carballiño presenta o cartel da LIV Festa do Pulpo, que será o 14 de agosto

Cun orzamento de 120.000 euros, buscará promocionarse este ano na Área Metropolitana de Oporto e en Pontevedra, capital das Rías Baixas
Personalidades do mundo da política e da empresa privada coincidiron esta mañá no Carballiño na presentación da Festa do Pulpo.
Personalidades do mundo da política e da empresa privada coincidiron esta mañá no Carballiño na presentación da Festa do Pulpo.

O salón de plenos do Concello do Carballiño foi o escenario elixido para presentar, nesta mañá de luns, o cartel da LIV Festa do Pulpo, que este ano será o 14 de agosto. O acto concentrou a diversas personalidades do mundo da política, así como a representantes da empresa privada que, co seu patrocinio, apoiarán un dos eventos gatronómicos máis importantes de Galicia. Tamén estivo presente o autor do propio cartel, o artista local Xesús Carballido, que este ano finaliza a triloxía de carteis que leva deseñando nas últimas edicións. Sobre o deste ano pronunciouse o alcalde, Francisco Fumega, que cre que “representa moi ben o carácter da festa”. Destacou así mesmo a metáfora das ilustracións coa idea que teñen dende a organización de proxectala no ámbito internacional para buscar a ansiada declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

O artista local, Xesús Carballido, pecha co cartel deste ano a triloxía deseñada para a festa gastronómica nas últimas edicións.
O artista local, Xesús Carballido, pecha co cartel deste ano a triloxía deseñada para a festa gastronómica nas últimas edicións.

Con esta base, a 54 edición da festa será promocionada de xeito intenso no norte de Portugal e nas Rías Baixas. Así, o concello ten previsto levar o cartel até a cidade portuguesa de Vilanova de Gaia -ubicada na Área Metropolitana de Oporto- o vindeiro 1 de xullo e até Pontevedra o día 15. A proxección contemplará a presentación da festa e a distribución dun tríptico especialmente deseñado este ano en cinco idiomas (galego, castelán, portugués, francés e inglés). “É un xeito de ir cara a consecución da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”, concretou o rexedor.

Detalle do tríptico promocional que se edita por primeira vez en cinco idiomas.
Detalle do tríptico promocional que se edita por primeira vez en cinco idiomas.

Nesta liña tamén se pronunciou Rosendo Fernández. O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a perseverancia da localidade ourensá por conseguir esa mención para un dos eventos que, segundo dixo “creo que se merece ser de interese internacional”. Recordou que en 1969 foi declarada de Interese Turístico Nacional e afirmou que o instituto que el preside seguirá a colaborar con ela.

A Festa do Pulpo do Carballiño contará nesta edición cun presuposto duns 120.000 euros, “un orzamento máis ben baixo para a cantidade e calidade do programa previsto”, matizou Fumega, que engadiu que tamén se promocionará nas cidades portuguesas de Braga e Viana do Castelo. Todo co obxectivo de “conseguir trascender as fronteiras da comarca”, en palabras do alcalde. Tamén apostou por “seguir potenciando a festa para atraer a máis visitantes e non só no mes de agosto”.

Fumega aproveitou neste punto para reseñar que a vila está a levar a cabo unha intensa adaptación para potenciar outros reclamos turísticos como o turismo termal: “no Carballiño estanse dando pasos moi significativos para converternos en pouco tempo nun referente termal en Galicia”, dixo, e engadiu: “a iniciativa privada estase volcando na transofrmación dos balnearios e isto supón un salto cualitativo moi importante para converternos nun dos principais centros turísticos do interior de Galicia”.

“O Carballiño é o berce e o cénit dos pulpeiros e pulperías que, xunto cos panadeiros de Cea e os viticultores do Ribeiro conforma unha maridaxe cuxa máxima expresión é a Festa do Pulpo do Carballiño”, manifestou, para concluír convidando a toda a xente a que visiten a vila o vindeiro 14 de agosto.

Texto e fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button