En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Carballiño presenta a reedición do “Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María

No marco do acto, celebrado o 15 de abril, o Concello anunciaba que se nomeará a Manuel María fillo adoptivo desta vila

“Aquí hai historia de nós, hai etnografía, hai música, hai tradición fronte a ese mundo que se macdonaliza e esta é, en definitiva, unha teoría de onte, de hoxe e de sempre”. Deste xeito se refería Felipe Senén, carballinés e amigo persoal de Manuel María, ao “Cantiguiero de Orcellón” na presentación da reedición deste poemario que tiña lugar na tarde do 15 de abril na Casa da Cultura do Carballiño.

Ao longo da súa exposición foi explicando a relación que unía ao poeta da Terra Cha co Carballiño e como a plasmou neste libriño, cuxos debuxos foron realizados polo propio Felipe Senén. “Estes versos naceron en moitos diálogos”, engadía. Tamén lía a nota introdutoria que inclúe o libro sobre Ernesto Afonso Reque Varela, heterónimo que utiliza Manuel María ao asinar estes versos. E concluía a súa intervención proxectando unha serie de fotografías do Carballiño e de diversos momentos e viaxes da vida de Manuel María, moitas delas inéditas.

Ademais Felipe Senén apuntaba, referíndose ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega (sentado ao seu carón), que “non é tan importante facer as cousas, publicar este libro, senón cómo se fixo, en contacto directo coa Fundación Manuel María, con Saleta” (Goy, a viúva do poeta).

No marco deste acto, o alcalde do Carballiño tamén anunciaba que, logo dun acordo tomado polos catro grupos da Corporación municipal, o Concello nomeará a Manuel María fillo adoptivo da vila. “É unha distinción que tomamos en recoñecemento e gratitude á persoa que soubo plasmar coma ninguén, en sinxelos e fermosos poemas, o sentir dun pobo, nado da feira e caracterizado pola fonda pegada dos arrieiros, dos tratantes e dos emigrantes, que son parte esencial da nosa historia”, en palabras de Francisco Fumega.

Esta presentación concluía con música, da man de parte dos integrantes do grupo “Anda Soa”, que interpretaban un dos poemas de Manuel María. De seguido, entregabáselle aos asistentes o libro reeditado polo Concello, cunha edición moi coidada e corrixida, con nova cor na portada e contraportada e incorporando debuxos que non aparecían na edición orixinal de 1984.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button