ConcellosÚltima hora

O Carné Xove poderá activarse por vía electrónica a partir do luns

Habilitará un formulario para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez, que ata agora debían desprazarse para activala, poidan facelo desde a súa casa

 

A mocidade galega poderá activar o Carné Xove tamén por vía electrónica. A Xunta de Galicia vén de anunciar que habilitará un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden desprazarse para activala, poidan facelo desde a súa casa. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñibles.

Neste senso, a administración galega está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares. “Aqueles que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica”, segundo a Xunta.

Se a activación se fai a través da rede, a partir das 12.00 horas do vindeiro luns habilitarase na web de Xuventude (http://xuventude.xunta.es/) un formulario no que os novos usuarios terán que cubrir os seus datos. No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) ao correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné.

“É preciso destacar que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea”, destaca a Xunta.

Artigos relacionados

Back to top button