ConcellosÚltima hora

O cartel da 56 Festa do Pulpo do Carballiño homenaxea ao tango

Este ano a cita gastronómica que se celebra en agosto, estará adicada ao Centro do Carballiño en Buenos Aires
Presentación do cartel da 56 Festa do Pulpo.

Con motivo da dedicatoria da 56 Festa do Pulpo ao Centro do Carballiño en Buenos Aires, que este ano celebra o centenario da súa creación, o cartel desta edición da cita gastronómica rende homenaxe ao tango.

Unha aceiteira, unha tesoira, dúas talladas e un rabo, conformando unha parella de tango sobre un prato de madeira de pulpo, xunto co pimentón, son o elemento central do cartel, obra da deseñadora gráfica carballiñesa Ari Quintas Núñez, que ten unha gran plasticidade e resulta moi significativo desta 56 edición. “Quixen realizar unha simobiose dunha parella de tango cos aparellos propios das pulpeiras e pulpeiros”, dixo ao respecto a deseñadora, honrada por ter a oportunidade de elaborar o cartel da Festa do Pulpo deste ano.

Na presentacion, o alcalde, Francisco Fumega, referiuse ao recoñecemento dos emigrantes carballiñeses en Buenos Aires, dicindo que “a festa deste ano se lle dedica ao Centro do Carballiño en Buenos Aires co gallo da celebración do seu centenario, e por iso o cartel simboliza dun xeito evidente a simbiose do pulpo co tango, que é un elemento moi significativo de Buenos Aires”. Unha idea orixinal “que Ari Quintas plasmou dunha maneira moi plástica, e que estou seguro gustará moito no Centro do Carballiño en Buenos Aires. Pero o que é máis importante, creo que gustará tamén aquí, xa que se trata de promocionar a nosa festa máis senlleira e popular, e coido que este cartel terá moi boa acollida en todos os lugares polos que se distribúa”, engadiu o alcalde.

 

O cartel é obra deseñadora gráfica carballiñesa Ari Quintas Núñez.

Artigos relacionados

Back to top button