ConcellosÚltima hora

O cartel do Entroido de Verín 2020 é obra da artista local Aurora López

A imaxe oficial desta celebración vén de presentarse nesta mañá no Concello

Acto de presentación do cartel do Entroido 2020 en Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

O Concello de Verín vén de presentar  nesta mañá de 19 de decembro o cartel do seu Entroido 2020. No acto participaba o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a concelleira de Cultura e Festexos, Emilia Somoza, e Aurora López, artista local autora do mesmo.

O cartel ten como corpo central unha ilustración donde aparece reflexada a figura principal de Entroido de Verín, o Cigarrón, que eleva e enxalza o resto de personaxes presentes na creatividade dos que sae a propia festa. “Dentro de eses personaxes está representado o Entroido máis tradicional e un Entroido máis moderno que conviven perfectamente, e as cores resaltan o ambiente de troula e alegría”, segundo indicaba a creadora Aurola López.

Ademais quixo facerlle unha homenaxe a un dos personaxes máis entrañables do Entroido verinés, o recentemente falecido “Toni Tarrio”. “Mentres debuxaba faleceu Tarrio e quixen homenaxealo incluíndo no cartel unha pluma de faisán como a que el sempre levaba no seu chapeu”, engadía López. Están presentes ademais no deseño certos lugares moi representativos de Verín como son a ponte, a Praza da Mercé ou a Praza do Cigarrón.

A edil de Cultura, Emilia Somoza, mostrouse moi satisfeita co resultado final do traballo creativo xa que “acada o equilibrio entre deseño e usabilidade que levabamos buscando estes últimos anos co concurso e non terminabamos de conseguir. Realizar o encargo do cartel a un profesional permitiranos extraer desta mesma imaxe o resto de adaptacións para os diferentes medios de comunicación, así como de elementos de merchandising, evitando así teimosos procesos de dixitalización e encargos de deseño diferentes que non fan máis que diluír a imaxe unificada que mostramos ao exterior e aumentan os gastos innecesarios”.

Pola súa banda, Gerardo Seoane quixo lembrar que o cartel oficial debe ser un elemento publicitario adaptado aos novos medios de comunicación. «Cremos que cando encargamos o cartel oficial do Entroido debemos pensar máis na proxección exterior, no que é un anuncio publicitario que consiga unha imaxe potente e atraente. Neste caso, co deseño de Aurora creo que o conseguimos».

Sobre a autora

Aurora López Pérez, naceu en Albarellos de Monterrei, Ourense, no 1971, formouse con diversos cursos de debuxo e pintura. No ano 1999 entrou no mundo da animación 2D formándose e desenrolando o seu traballo dentro do campo da animación.

Ten realizado diversas exposicións de pintura, tanto en solitario como acompañada de colectivos dos que forma parte, ademais de traballos de cartelismo e deseño gráfico. No ano 2012 quedaba finalista do certame de cartelismo Francisco Mantecón de Terras Gauda .

Artigos relacionados

Back to top button