CulturaCulturaÚltima hora

O cartel do FIC Vía XIV 2019 de Verín inspírase no concepto da emigración

A imaxe gráfica da IV edición do Festival, que se celebrará do 30 de novembro ao 8 de decembro en Verín, é obra de José Antonio Velasco

A IV edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV de Verín xa está marcha. Celebrarase entre o 30 de novembro e o 8 de decembro, peor na mañá do 13 de agosto quentaba motores coa presentación do cartel ilustrador, obra do creativo publicitario José Antonio Velasco.

Baixo o título Soños ao voo, o concepto creativo da imaxe está inspirado “nunha fonda fenda da nosa terra: a da emigración, a da busca desesperada dunha oportunidade (un dos eixos temáticos arredor dos cales o FIC Vía XIV sustenta a súa programación, xunto aos de Entroido e Fronteira”, aseguraba na presentación Carlos Montero, o director do Festival, acompañado por Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do festival; e José Antonio Velasco, autor do cartel.

 

Cartel da IV edición do FIC Vía XIV de Verín.

 

A imaxe representa a abstracción dunha inmensa bandada de paxaros nos seus ciclos de migración e o propio José Antonio (creativo publicitario cunha dilatada experiencia nos eidos da publicidade e da comunicación), explicou que o que pretendía era, tamén, en certo modo “representar o carácer integrador do FIC, ao preseleccionar cada ano máis dun milleiro de pezas cinematográficas procedentes de todos os recunchos do planeta, que cargan nas súas ás soños de gloria”. Xunto a isto, a forma dos focos de luz plasmada no deseño fai referencia ao número da edición, a cuarta.

Con respecto á nova edición do certame, Carlos Montero lembrou que o prazo para a recepción de curtas permanece aberto e que as bases para a participación no Festival poden consultarse na web http://www.ficviaxiv.com.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button