En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O casco antigo barquense prepárase para as alfombras florais do Corpus

Dende a Asociación Porto da Barca convídase a veciños doutras zonas a participar nesta tarefa popular que viste de cor as rúas

Instensíficanse os preparativos na zona antiga do Barco de cara á elaboración o vindeiro domingo 29 de maio das tradicionais alfombras de Corpus Christi. Dende hai uns días os veciños e veciñas desta zona barquense están a organizarse para vestir, como cada ano, de fermosos e coloristas tapices vexetais as rúas do barrio: dende a rúa San Roque ata a praza da Igrexa de San Mauro.

“Todo mundo está tinguindo xa os materiais, repartíuse sal e serrín, entre os veciños”, explica a presidenta da Asociación Porto da Barca, Pilar Pérez, quen tamén recorda que esta actividade está aberta á participación de todo o mundo e convida a veciños doutras zonas a sumarse á elaboración das alfombras florais. “Tamén agradecemos a aportación de material vexetal, flores, verde…”.

Malia que os preparativos veñen xa dende días atrás, é o sábado e o domingo ata mediodía cando o traballo chega ao seu culme. Esta actividade será organizada un ano máis pola Asociación Porto da Barca en colaboración co Concello do Barco.

Nesta galería de imaxes poden verse diferentes momentos de elaboración das alfombras do Barco no pasado ano.
Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button