ConcellosEn portadaPetínÚltima hora

O casco antigo de Petín acolle unha exposición de arte ao aire libre

A mostra "M.AR.CO" inclúe obras pictóricas e escultóricas de diferentes artistas da contorna

 

O casco vello de Petín convertíase nunha galería de arte ao aire libre. A mostra “M.AR.CO” ofrece unha gran cantidade de obras de pintura e escultura feitas por artistas da comarca tan recoñecidos como Lito, Conde, Torino ou Carina. Tamén estaban expostos traballos de creadores amateur da localidade. A exposición inaugurouse o pasado venres, 14 de agosto, cun horario de 20:00h a 23:00h. Tamén poderá visitarse hoxe, 15 de agosto, no mesmo horario.

O Concello de Petín aposta pola arte comarcal nunha mostra colocada nas rúas do casco histórico da localidade, na zona onde habitualmente se celebra a Feira de 1812, que este ano tivo que ser cancelada por mor da crise sanitaria. Segundo a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, “Esta é unha idea que queríamos facer dende fai tempo, pero por un motivo ou outro foise postergando e finalmente creemos que este ano é o ideal”.

 

Unha das esculturas expostas.

 

Unha das artistas que participan na exposición e Carina, quen asegura que foi a falta de eventos no verán o que axudou a poñer en marcha a iniciativa. A artista define a súa pintura como “abstracta, colorista, intensa e moi vital”. “Sempre procuro innovar e introducir elementos como a corda, a fotografía, o collage, ou a pintura diluída para darlle unha perspectiva ao cadro superpoñendo os fondos”, continúa Carina.

 

A artista Carina cun dos seus cadros expostos na fachada da Igrexa de Petín.
Foto oficial da organización, os artistas e os membros de Protección Civil. / Foto: cedida polo Concello de Petín.

 

O feito de ser unha actividade ao aire libre permitiu que se cumpriran todas as medidas de distanciamento social derivadas da pandemia do coronavirus. A exposición, que tivo unha moi cálida acollida entre os veciños de Petín, contaba con dirección única e un posto á entrada proporcionaba xel hidroalcólico aos visitantes. Así mesmo, membros de Protección Civil encargábanse de velar pola seguridade dos asistentes e garantir o bo desenvolvemento da exposición.

Fotos: Víctor Santos excepto cando se especifica.

Artigos relacionados

Back to top button