ConcellosÚltima hora

O casco vello do Barco vestirase de festa o 10 e 11 de xuño

Hostaleiros e veciños organizan un evento que mestura música e gastronomía na praza Maior
Cartel anunciando a festa no casco vello do Barco de Valdeorras. Foto: Ángeles Rodríguez.

Música de diferentes estilos, gastronomía e animación infantil. Son os principais ingredientes cos que se cociñou a Festa do Casco Vello que se celebrará a fin de semana do 10 e 11 de xuño na praza Maior do Barco de Valdeorras.

Da man dos hostaleiros da zona e dalgún veciño, entre eles Manuel Páramo, nacía esta iniciativa para dar un novo pulo ao casco vello barquense. “Falamos de facer algo novo, empezou medio en broma e pouco a pouco foi collendo forma. Xuntámonos e falamos con algunhas casas que nos van axudar e aínda que empezamos con pouco presuposto queremos que haxa un pouco de todo. Non é unha festa ao uso, xa que non temos orquestra pero si música moi variada: gaiteiros, grupos que fan funk e gospel, rock puro; e tamén postos con comida e actividades para os nenos”, explica Páramos, asegurando que o importante é que os bares se unan para organizar actividades que animen un pouco a zona, porque “está un pouco parada”, di Manuel.

A idea é, segundo el mesmo explica, comezar con esta festa e “se sae ben e todos quedan contentos, que teña continuidade e tamén facer máis cousas como teatro de rúa,… A ver como vai”.

 

Os Bertolini farán un pasarrúas o sábado pola tarde. /Foto: Ángeles Rodríguez.

Dende logo, para ser unha primeira edición, o programa no pode ser máis completo. En torno ás sete da tarde do sábado abrirase unha zona infantil na praza do Sagrado, con inchabeis gratuítos, globoflexia, pintacaras, xogos de auga, xogos con paracaídas, etc, a cargo do grupo de animación O Sorriso. Media hora máis tarde abriranse as casetas de comida e bebida instaladas na praza, con pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Os Bertolini, de Manzaneda. O prato forte musical chegará pasadas as 22:30h. coa actuación de A Bada de Mazinger de Vigo e as súas versións pop- rock dos 80; e do grupo Riff-Raff de Ferrol, unha das mellores bandas de tributo a AC-DC.

A festa continurá o domingo 11 de xuño, con inchabeis e animación infantil durante todo o día e a sesión vermú a cargo do grupo local Los Íñigos, seguida dun xantar popular a base de paella e polbo. Xa pola tarde, en torno ás 18:30h. actuará o cómico-malabarista Guti. A música regresará ás 19:30h. cun concerto de Los Íñigos, seguido da actuación estrela da festa. O grupo The Marveltons achegarase ata a praza Maior do Barco para despregar sobre o escenario o seu espectáculo. “Son tres rapazas que fan un pouco de todo: soul, funk, gospel, bailan… Animan moito ao público e penso que vai sorprender e gustar”, conclúe Párammo.

Artigos relacionados

Back to top button