CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O Castelo de O Bolo regresa á Idade Media con música e o ‘Romance de Dna. Urraca’

Esta vila valdeorresa celebraba na tarde deste 21 de maio a V edición do Festival Medieval

 

A xornada deste sábado 21 de maio foi moi intensa no concello de O Bolo. Pola mañá inaugurábase o Museo YOSSO nas dependencias do colexio; e pola tarde celebrábase no castelo a V edición do Festival Medieval.

Unha edición adicada tamén ao artista bolés Xosé de Valbuxán-YOSSO que arrancaba tal como estaba previsto coa escenificación de Dona Urraca entrando a cabalo no patio do castelo, mentres soaba o romance adicado a este personaxe histórico e que a partir de agora “soará cada hora para lembrar o paso desta muller da realeza na Idade Media polo castelo”. Así o explicaba a presentadora do festival, Manola Porto, que ía dando paso un a un aos protagonistas da tarde.

 

Actuación da Banda de Gaitas de Vilariño de Conso.

 

Actuación do dúo ‘Clave de Fado’.

 

Os primeiros en actuar eran os cativos que conforman a Banda de Gaitas do Concello de O Bolo e de seguido tiña lugar unha fusión de cantos das Terras de Trives e O Bolo con Blandina de Catarós, Digna Pérez e Rogelio Corzo de Aceveda. A continuación subíase ao escenario Daniel García de la Cuesta, especialista en música medieval asturiana, que acompañou a Iria Estévez na interpretación do Romance de Dona Urraca, antes de cantar varias pezas en solitario.

 

 

 

A seguinte en actuar era Jacinta Fernández, Cantora da Seitura de Lentellais, vella coñecida do festival que interpretou varios cantos antes de dar paso á Banda de Gaitas de Vilariño de Conso. ‘Clave de Fado’, dúo formado por Iria Estévez e Gonzalo Gonza tamén interpretou varios temas (un en portugués), antes de dar paso ás Pandereteiras da Real Banda e a propia Real Banda de Gaitas da Deputación.

 

O alcalde de O Bolo, Manuel Corzo.

 

O festival tiña previsto contar coa presenza da Orquestra Río Leira de Vilamartín de Valdeorras, pero o Covid impediuno por iso eran dous dos seus membros, Bautista e Antonio, quenes recollían a Medalla de Ouro da Real Banda de Gaitas. Ademais, todos os participantes levaron como agasallo un pergamino co Romance de Dona Urraca e tralos agradecementos por parte do alcalde, Manuel Corzo, tanto aos asistentes como aos intérpretes e ao organizador do evento, Xosé Lois Foxo, eran as tres bandas de gaita as que pechaban o acto interpretado conxuntamente o Himno Galego.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Vídeo decido.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button