OurenseÚltima hora

O Castro da Saceda (Cualedro) esténdese máis alá das súas murallas

Na campaña de escavacións realizada en setembro descubríanse “dúas cabanas circulares de grande diámetro, superior a calquera do interior do recinto fortificado” que fan pensar aos investigadores en que “estamos ante o verdadeiro poboado”

 

Restos dunha das cabanas descubertas no exterior do recinto defensivo do Castro da Saceda (Cualedro). Nela pode verse tamén a súa lareira./ Foto cedida por Xeitura.

 

As escavacións arqueolóxicas complementarias aos traballos de restauración e musealización practicados no mes de setembro no Castro da Saceda, no concello ourensán de Cualedro, veñen de revelar novos datos e sorprendentes datos sobre este xacemento. O obxectivo desta intervención era acondicionalo co fin de facelo máis accesible e didáctico, pero no seu decurso os arqueólogos atopaban un achádego inesperado fóra do propio castro: dúas cabanas milenarias.

“Foi Antonio Rodríguez Colmenero quen dende hai tempo apuntou a posibilidade de que fóra das murallas do Castro da Saceda existiran construcións. Unha hipótese que confirmamos este ano ao descubrir dúas cabanas circulares de grande diámetro, superior a calquera do interior do recinto fortificado. O seu grande tamaño e a existencia da única lareira lítica conservada apunta claramente a que estamos perante un lugar de habitación”, explica o arqueólogo e director da escavación, Martiño Xosé Vázquez de Xeitura (Xestión Integral do Patrimonio Cultural S. Coop.Gal).

 

Vista xeral do xacemento do Castro da Saceda (Cualedro)./ Foto cedida por Xeitura.

 

Tamén adianta que será necesario continuar coa investigación, “pero todo apunta a que estamos perante ao verdadeiro poboado. Todas as previsións que tiñamos agora saltan polos aires. Estamos en contacto con investigadores portugueses e da meseta que nos confirman que noutros castros da súa zona tamén sucede a mesma secuencia e están convencidos que descubriremos máis estruturas e incluso algo que levamos tempo buscando, fornos para forxa e fundición metalúrxica”.

Nesta campaña tamén se puido confirmar que o recinto fortificado deste castro “ten unha antigüidade próxima aos 2500 anos e que un grande incendio obrigou aos seus habitantes a reconstruílo case na súa totalidade”, apunta Martiño Xosé Vázquez.

Este achádego supón a apertura dun novo campo de traballo para os investigadores, pero tamén obrigará a reordenar os usos da contorna do poboado, que está declarado BIC, para garantir a súa conservación.

 

Artigos relacionados

Back to top button