CulturaCulturaÚltima hora

O Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, ábrese ás visitas guiadas

Desenvolveranse entre o 1 de xullo e o 15 de agosto e forman parte das actividades de dinamización deste xacemento lucense
Traballos arqueolóxicos no Castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón./ Foto: Proxecto arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

 

Vai máis alá dunha escavación arqueolóxica ao uso. O do Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón, Lugo) é un proxecto de arqueoloxía en comunidade que busca a dinamización da parroquia da Cereixa, na que se asenta, e do seu entorno. Esta iniciativa, promovida pola Asociación de Veciños María Castaña, comezaba no 2016 e sacaba á luz restos dun edificio romano así como pezas cerámicas, moedas e outros utensilios.

Continuarase neste verán cunha nova campaña arqueolóxica e abrindo o castro ás visitas guiadas  entre o 1 de xullo e o 15 de agosto. Serán dúas visita diarias (ás 11h. e ás 19h.) cun percorrido duns 45 minutos polo xacemento no que coñecerán a historia detectada ata o momento neste asentamento, da época romana e altomedieval, ademais das relacións actuais entre a parroquia da Cereixa e o castro. Nelas os “visitantes poderán ver o proceso arqueolóxico en tempo real”, en palabras de Xurxo Ayán, director do proxecto.

 

Vista aérea do Castro de San Lourenzo./ Foto: Proxecto arqueolóxico Castro de San Lourenzo.

Por outra banda, nas fins de semana tamén se lle ofrece aos visitantes a posibilidade de realizar un pequeno paseo comentado para chegar ao castro, partindo da Parrillada O Fogón en Cereixa. Todas as visitas son gratuítas e incluirán ao final unha mostra das pezas localizadas ata o momento neste encrave. As persoas interesadas poderán realizar a súa reserva ou ampliar información a través da páxina de facebook do proxecto, https://www.facebook.com/sanlourenzonet/.

Máis información:
www.sanlourenzo.net

Artigos relacionados

Back to top button