CulturaCultura

O Catre Teatro e Gargallada actúan esta fin de semana XI Mostra de Teatro Amador do Carballiño

Está organizada polo grupo Tiruleque e celebrarase ata o 4 de novembro no auditorio Manuel María
O Catre Teatro das Pontes.

Un total de sete obras conforman o programa da XI Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” que organiza o grupo Tiruleque, e que se desenvolve as fins de semana entre o 7 de outubro e o 4 de novembro no auditorio Manuel María do Carballiño, ás 19h.

Tal como explicou na presentación o presidente de Tiruleque Xosé Prada, trátase de 6 comedias e 1 drama elixidos polo xurado entre 25 propostas recibidas dentro do concurso aberto hai uns meses.

Os encargados de subir o pano foron os membros da compañía Tirirambo Teatro Coruña de Oleirosoca obra Anónima 18 e esta fin de semana haberá dobre sesión. Mañá, sábado 20 de outubro, O Catre Teatro das Pontes subirase ao escenario para presentar O medo meu, unha obra composta por unha serie de números cómicos, que xira ao redor das persoas e os seus medos. Unha traxicomedia visual e xestual, que sen desbotar o texto, se ofrece de espello cara ao público, mostrándolle que o medo está aí porque forma parte de nós.

 

Gargallada Teatro en O Xogo de Versalles.

 

O domingo 21 de outubro, tocaralle aos valdeorreses Gargallada Teatro, que porán en escena a súa última peza, O Xogo de Versalles, unha comedia chea de argucias, intrigas, trampas, segredos e loita de egos onde o que importa é asentar ben o cu na Corte, que ninguén ocupe o teu lugar e, por riba de todo, loitar por sobrevivir.

Completan a programación a A.C. Faíscas de Arteixo con Un fiambre, unha rosca e unha cancan (27 de outubro); Teatro Múxicas de Ourense, con O Inspector (28 de outubro); O Trasno Teatro, de Vigo, con En venda (3 de novembro); e Martabelas, grupo convidado de Teo, con A cousa de Bernarda Alba (4 de novembro).

Artigos relacionados

Back to top button