O CCA e os seis centros de ensino do Barco únense na campaña das Letras Galegas

Esta iniciativa consistirá nunha xincana literaria por 33 establecementos do Barco adiviñando se os títulos expostos neles pertencen ou non á autora homenaxeada este ano, María Victoria Moreno

Un dos momentos da presentación da campaña “Na procura de María Victoria Moreno”, que promove O Barco CCA e os centros educativos deste concello./ Foto: A.R.

Por primeira vez todos os colexios e institutos do Barco, un total de seis, participan na campaña das Letras Galegas que cada ano organizan os Equipos de Dinamización Lingüística dos centros educativos en colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA). Así se destacaba na presentación desta iniciativa, titulada “Na procura de María Victoria Moreno”, que tiña lugar na tarde do 16 de maio.

Esta campaña “ten como finalidade promover o coñecemento do galego e ademais sérvenos para dar a coñecer e promocionar os establecementos asociados ao CCA”, sinalaba a presidenta desta entidade, Sandra Moldes. A campaña, engadía, desenvolverase do 16 ao 31 de maio e nela participan “33 dos establecementos asociados que se prestaron a expoñer nos seus escaparates os lenzos e os carteis realizados para a campaña e nos que se poderán ler os títulos de libros de varias autoras galegas”.

Neste acto Sandra Moldes estaba acompañada pola vicepresidenta do Barco CCA, Ángeles Rodríguez, e polas responsables dos Equipos de Dinamización Lingüística dos seis centros barquenses: Marta Cortés do IES Martaguisela, Delia Lopez do CEIP Julio Gurriarán, Josefa Domínguez do Colexio P. Divina Pastora, Paula López do CEIP Otero Pedrayo de Viloira, Aurora Delgado do CEIP Condesa de Fenosa e Chus Rodríguez do IES Lauro Olmo.

 

As participantes na rolda de prensa, sostendo un dos lenzos que se exporá nos escaparates dos comercios do Barco./ Foto: A.R.

Cada unha delas ía intervindo para explicar o contido da campaña, na que se pretende ir máis alá dos centros educativos e implicar á sociedade en xeral para promover o coñecemento da figura e da obra da homenaxeada neste ano, María Victoria Moreno, e tamén da literatura e da lingua galega en xeral. Para logralo vén de organizarse un itinerario a modo de xincana literaria con paradas en 33 establecementos comerciais. Nos escaparates de cada un deles está colocado un lenzo con estética do pop art dunha caricatura da autora homenaxeada. Estes cadros, de 30×30 cm, foron elaborados por alumnos dos centros de ensino barquenses. Xunto a cada lenzo, aparecerán os títulos de dúas obras de autoras galegas, entre os que estarán os de Moreno.

Imaxe do folleto que haberá que ir cubrindo polos establecementos./ Foto: A.R.

 

A xincana consistirá en percorrer cada un deses establecementos e ir completando un folleto editado polo CCA, marcando na casiña correspondente a cada local da listaxe o apartado “si” se o título é de María Victoria Moreno ou “non”, no caso de non selo. Unha vez completado este traxecto literario e cuberto o folleto, éste poderá depositarse nunha urna instalada a tal efecto polo CCA. A data límite para facelo será o 31 de maio. Entre os participantes sortearase un premio. O galardón entregarase días despois na sede do CCA.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/maria-victoria-moreno-nos-escaparates-do-barco-cca/

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies