En portadaÚltima hora

O CD Barco, a unha vitoria da permanencia en Terceira División

Tras despedir a tempada en Calabagueiros co 3-1 ante o Viveiro, os rapaces de Iván González están obrigados a gañar en Arzúa para lograr o obxectivo

 

Queda un partido para que remate a fase de permanencia en Terceira División e o CD Barco está a un só paso de logralo. Tal como aseguraba o míster Iván González hai xa un mes, dependen deles mesmos pero teñen que ganar.

Así o veñen facendo nas últimas xornadas e tamén na tarde deste domingo 13 de xuño, na que foi a última xornada da tempada no campo de fútbol de Calabagueiros, no Barco, nun partido que resolvían cun contundente 3-1 para alegría de todos os implicados: xogadores, corpo técnico, directiva e afección, dende a bancada e tamén a pé de campo.

 

Celebrando un dos goles en Calabagueiros.

 

Pasadas as seis da tarde doutro caluroso domingo en Calabagueiros, os barquenses saltaban ao terreo de xogo dende o último posto que garante a permanencia, xa sen marxe de erro (a UD Ourense, está xusto por debaixo e tamén vencía o seu partido no Couto). Enfronte, un Viveiro CF no terceiro posto, (xusto por riba dos barquenses) que non estaban dispostos a ceder terreo, sendo os locais os que se adiantaban no marcador co gol de Omar no minuto 24. Oito minutos máis tarde David Álvarez poñía o 2-0 pero os lucenses recurtaban distancias co 2-1 no límite do descanso.

 

A afección barquense na bancada de Calabagueiros.
O de hoxe, máis que nunca, foi un partido de emocións en Calabagueiros.

 

Tralo paso polo vestiario era Óscar Martín quen sentenciaba o encontro co terceiro gol local. Un gran resultado para despedir á afección en Calabagueiros, conscientes de que queda unha final, o vindeiro domingo no campo do CSD Arzúa, para lograr o obxectivo e quedar un ano máis na categoría nacional.

Un partido de reencontros

A nota anecdótica do partido poñíana Castro (CD Barco) e Jesús Gómez (Viveiro). O primeiro foi porteiro do conxunto barquense e tamén do Viveiro CF na súa etapa como xogador; o segundo é o actual adestrador do conxunto lucense e natural do Barco, en concreto neto do fotógrafo Ismael. Dúas gratas coincidencias polas que recibían sendos agasallos por parte da directiva do CD Barco.

 

O adestrador do Viveiro, Jesús Gómez é natural do Barco de Valdeorras.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button