CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

O CD Barco avanza detalles da conmemoración do 50º aniversario do club no 2023

O club barquense vén de celebrar a asemblea de socios da tempada 2021/2022 na que conseguiron o "presuposto máis alto da historia do Centro de Deportes Barco"

Publicidade

 

En xullo de 2023 o Centro de Deportes Barco cumprirá 50 anos. Medio século de historia que celebrarán por todo o alto xa dende comezos de ano con exposicións, xuntanzas, edicións especiais de camisetas, agasallos para os socios e moita festa.

Así o avanzan dende a directiva que preside Nilo Ramos e que na tarde do mércores 13 de xullo celebraba a asemblea anual de socios, despois de tres anos se poder facela por culpa da pandemia. Na reunión, á que asistía unha trintena de socios e que se celebra no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco, liquidábase o exercicio económico da tempada 2021/2022 “o máis alto na historia do club cun superávit de máis de 3.000 euros”, sinala o presidente, asegurando que o club segue medrando e profesionalizádose tal como pide a RFEF. “Este ano case todo o plantel é profesional” di.

Outro dos puntos da orde do día foi a aprobación dunha suba de 10 euros na cuota de socios, puntualizando que a quen retire o carnét antes do 15 de agosto manteráselle o mesmo prezo de antes. E xa con respecto á celebración do 50º aniversario do CD Barco, son moitas as propostas.

 

O presidente do CD Barco, Nilo Ramos, durante a asemblea.

 

A primeira é regalar a cada socio un pin de bronce envellecido co logo do 50º aniversario e o escudo. “Tamén se aprobou a saída dunha camiseta vintage moi parecida á primeira que sacou o primeiro equipo do Barco”, adianta Nilo, recoñecendo que actualmente rondan os 800 socios, marcándose como obxectivo chegar ao aniversario cos 1.000.

E despois, ao longo do ano iranse sucendendo os actos. Unha cea con toda a xente que pasou polo club, xogadores, afeccionados,…; unha gran festa cunha orquestra ou grupo punteiro; sacar todos os trofeos do club á rúa,… “A idea é poñelos no escaparate do Miranda durante unha tempada para que todo o que queira poida velos”, di o presidente do club, adiantando que para ir quentando o ambiente, a partir de xaneiro repartirán bandeiras co logo do 50º aniversario a todos os negocios do Barco que sexan socios.

Tamén se fará algunha exposición e ademais dos carnets de socios habituais (ouro, normal, familiar e estudante) “sacaremos un carnet platino que terá unha serie de vantaxes como sitio na tribuna, entrada gratuíta os días de socio ou desconto nos partidos de fóra”, explica Nilo, recoñecendo que o crecemento do club a un ano de pandemia foi de case un 30% máis grazas ao gran esforzo da directiva. “Non é doado nunha época como esta meter o público que se meteu. Ademais a idea era xogar o play off de ascenso e conseguiuse”, conclúe, pechando así unha tempada redonda.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button