CD BarcoDeportesFútbolGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O CD Barco comeza unha nova etapa “ilusionante”

O club vermello presenta ao novo plantel para a tempada 2021/2022 adestrado por Javier Rey e con 9 xogadores novos

 

“Non imos vender nada que non poidamos facer pero si venderemos traballo que co novo míster é innegociable”. Así de rotundo se dirixía o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, aos asistentes á presentación do novo equipo para a tempada 2021/2022. Unha tempada que queren facer “bonita e ilusionante”, deixando atrás o duro ano pasado.

E para iso, o club barquense contará de novo co técnico ourensán Javier Rey que volve para vivir a súa terceira etapa en Valdeorras. “Todos me din que Javi é o meu técnico talismán o o certo é que levamos practicametne toda a vida xuntos e aínda qe din que as segundas partes nunca foron boas no noso caso si o foi porque ascendimos, e as terceiras a ver como son”, dixo Nilo no campo de Calabagueiros deixando no aire o desexo de conseguir “outro ascenso nos dous anos que temos por diante xuntos”.

 

O presidente do CD Barco, Nilo Ramos.

 

Xunto a Javi chega tamén Luis, o preparador físico e nove xogadores novos chegados dende diferentes partes de España que darán o mellor de si mesmos: Aitor Arias, Pacho (porteiros); Iago, Oli, Barbeito, Víctor (defensas); Adri, Juanma (medios); Duque (dianteiro). Ademais, realizarán a pretempada co primeiro equipo catro xuvenís: Iván, Eric Javi Penouta e Pablo. Completarán o plantel os xogadores que renovan no conxunto vermello: El Harrak, Ivi Vales, Óscar Martín, David, Carlos Cruz, Rodri Alonso, Carlos Villar, Iván Tato, Pablo Rubio e Rubén García.

 

O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.

 

A este último se dirixía de forma especial na presentación o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso. “Leva media vida nisto e coa idade que que ten que siga aquí é de admirar polo que merece un aplauso”, dixo, dando a benvida aos novos a “unha vila acolledora na que estaredes moi a gusto e alégrome de que Javi esté aquí de novo, a ver se este ano a final de tempada temos que engadir outro día máis para lembrar na historia do CD Barco”, concluía.

 

O míster, Javier Rey e o preparador físico, Luis (esquerda).

 

Con todo, a benvida oficial dábaa Kissy Torres e facíao dende tres ángulos: como técnica de Deportes do Concello, aseguroulles a “total implicación en todos os proxectos de todos os clubs que forman parte do Barco e deportistas que son daquí ou veñen aquí polo que contaredes con todo o apoio municipal”. Como deportista, “sinceiramente o que me gustaría trasladarvos como desexo é que cada día sexades excelentes, que cando adestreis sintades que ese día destes o mellor de vos mesmos e que iso o trasladedes á competición. O resultado, cando teña que vir virá”, dixo. E como compañeira e amiga de varios membros da directiva, Kissy fixo fincapé no sacrificio que supón este proxecto deportivo. “O Barco non é un pobo moi grande polo que hai un esforzo enorme por parte desta xente e hai moita ilusión. A pasada tempada foi moi dura a nivel deportivo e persoal pero neses momentos duros é onde vemos o grupo que son e a familia que formaron, totalmente implicados”, concluía.

 

O responsable da empresa LIS Iberia, Enrique Rudolf Quirós.

 

O plantel do CD Barco para a nova tempada.

 

Ademais de amigos, veciños e afección en xeral, á presentación tamén acudían membros do CD Rúa co que o Barco asinou un convenio “polo que agora non somos barquenses, somos valdeorreses”, dixo Nilo. Tamén estaba o representante de LIS Iberia, un dos principais patrocinadores do club, Enrique Rudolf Quirós, que tamén quixo desexarlles sorte para esta nova tempada, explicando que están presentes en seis países e o Barco é o único equipo de fútbol que patrocinan.

 

Afeccionados na presentación.

 

Antes de rematar o acto, o presidente do club, entregaba unha camiseta a Toño, exdirectivo do Verín e amigo persoal e de seguido, o novo plantel e Javi Rey comezaban o primeiro adestramento da pretempada.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button